O Covelo renova o servizo de atención temperá

Para familias con pequenos e pequenas de 0 a 6 anos

O Covelo | O Concello de Covelo vén de renovar o servizo público de atención temperá. Fíxoo xunto aos Concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e o Concello ourensán de Melón que compartirán, grazas á sinatura dun convenio de colaboración, este servizo de atención psico-social e familiar destinado a satisfacer os dereitos e necesidades das nenas e dos nenos con dificultades no desenvolvemento, ou en risco de padecelos, e das súas familias.

O servizo de atención temperá de Covelo xa desenvolve o seu traballo dende hai un ano os mércores en horario de mañá e tarde na súa sede do centro de saúde de Maceira. Os servizos de atención temperá deben comprender as prestacións de: diagnose e valoración de trastornos de desenvolvemento; desenvolvemento psicomotor; desenvolvemento cognitivo; desenvolvemento da linguaxe e comunicación; desenvolvemento da autonomía; desenvolvemento da área social e afectiva; apoio, información habilitación e formación da familia.

O convenio asinado entre os concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Melón e Covelo permite unir esforzos para ofrecer novos servizos á veciñanza e optimizar os recursos económicos dos concellos. O servizo de atención temperá de Covelo está integrado na Rede galega que se marca como principios a descentralización e proximidade e o achegamento eficiente do servizo ás persoas destinataria. En consecuencia, o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación recoñécese como o idóneo para o desenvolvemento deste tipo de servizo.

“Conveniar e sumar esforzos é o xeito de poder ofrecer novos servizos á veciñanza cando de xeito individual non é viable. O goberno de Covelo seguirá traballando en mellorar o día a día das persoas coa oferta de novos servizos e a mellora dos existentes” explica Pablo Castillo.

O servizo de atención temperá atenderá ás familias que sexan derivadas por pediatría e permitirá empregar as ferramentas precisas para facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e a inclusión social dos nenos e das nenas con necesidades específicas. A agrupación de concellos prestadora do servizo de atención temperá da rede galega dirixirá o seu traballos á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno.

Nos servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial (biolóxica, psicolóxica, social e cultural) que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.

O servizo de atención temperá contará cun mínimo de tres integrantes, será interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermería, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina.

Os trastornos no desenvolvemento son situacións nas que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, de restricións na participación social ou a causa de factores do contorno, se produce unha desviación ou atraso significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos nos nenos e nenas.