O Covelo recoñeceu o labor do equipo de Adestramento de Cans de Rescate na Auga

O alcalde Pablo Castillo entregoulles a Medalla institucional

O Covelo | O goberno de Covelo recoñeceu nun acto celebrado no salón de plenos da Casa do Concello o traballo do equipo de Adestramento de Cans de Rescate na Auga e Detención composto pola guía e adestradora canina Ángeles Rodríguez Fernández, Antonio Corredoira, Manuel Souto e a súa cadela Deva.

En recoñecemento pola súa inestimable aportación e dedicación coa que realizan a súa labor de rescate humano e aos méritos conseguidos nas probas de cualificación o Concello fíxolle entrega dunha medalla e duns pins institucionais que recordarán para sempre o esforzo altruista deste equipo.

No acto, o alcalde, Pablo Castillo, tamén lle fixo entrega da autorización anual para poder seguir adestrando nas praias municipais. Madrileña de nacemento, Ángeles chegou a Galicia con 22 anos e con 44 anos apostou polo rural e trasladouse a Mondariz pero foi en Covelo donde conectou coa xente e donde atopou as sinerxias e apoios tanto vitais como profesionais.

Hai poucos meses a Asociación Española de Criadores y Amigos del Terranova otorgou a titulación de “can auxiliar de costa” a súa cadela Deva, unha fermosa exemplar de Terranova negra capaz de rescatar da auga a tres persoas á vez e remolcar 1.500 quilos. Esta titulación fai, a súa vez, que Ángeles teña a consideración de xuíza das probas que se fan a nivel estatal recoñecidas pola Real Sociedad Canina Española. No pantano de Burguillo, en Ávila, conquistaron ao xurado e deron un paso de xigante no recoñecemento desta raza de cans como rescatadores acuáticos.

Deva destacou dende os seus primeiros meses pola súa capacidade de interacción coa auga e iso levouna ao curso de iniciación e de aí á praia fluvial de Maceira, en Covelo donde adestran e na que interactúa, en moitas ocasións, cos e coas cativas que se achegan a contemplar o espectáculos dos seus exercizos.

“É moi difícil adestrar porque non temos acceso ás praias de maio a setembro e non temos donde gardar o equipamento e a zodiac. Eu buscaba un sitio e Covelo facilitoumo todo. Grazas ao Concello e aos seus veciños puidemos avanzar e acadar os obxectivos e as titulacións. En Mondariz tamén tiven a sorte de atopar ao meu equipo que me axudan e colaboran nos adestramentos e se os que non podería facer este traballo”, explica Ángeles.

Relata a adestradora que esta é unha raza orixinaria da illa de Terranova que viaxaba nos barcos pesqueiros cos indíxenas servindo de apoio para o rescate dos mariñeiros que caian á auga. A súa alta resistencia ás baixas temperaturas da auga, a súa dobre capa de pelo e as súas patas palmeadas con membranas interdixitais fan que sexa un excelente nadador. Unha raza que estivo a piques de desaparecer e a unidade canina da UME valora incorporar nos seus traballos de rescate. “A UME quixo coñecer o traballo de Deva para avaliar a posibilidade de traballar con terranovas. En outros países xa traballan con esta raza pero aquí aínda non”. O propio instinto de Deva fai que reaccione ante xestos bruscos ou voces de socorro e corra a auxiliar ás persoas sen que a súa amiga e adestradora lle dea a voz de alerta.

Pura bondade, así é Deva, unha cadela que vén de ser nai de dous cachorros e que se atopa en fase de descanso centrada na crianza dos seus bebés caninos. “É hora de descansar e centrarnos en dar a coñecer as habilidades únicas desta raza de cans e visibilizar a súa importancia vital en labores de rescate en auga”, conclúe Ángeles mentras corre a por orde na nova manda. Agora o concello de Covelo a través do seu alcalde, Pablo Castillo, quixo recoñecer esta importante labor social e este esforzo en favor de todas e de todos.

“Coidados Porta a Porta” do 25 ao 27 de maio
O Concello de Covelo informa que os vindeiros días 25, 26 e 27 de maio o programa “Coidados Porta a Porta” da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia estará en Covelo para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a todas as veciñas e veciñas maiores de 55 anos que así o soliciten mediante cita previa.

O autobús sanitario estará na zona da área de autocaravanas preto do centro de saúde en horario de 09:00 a 20:0 horas e todas as persoas que queiran pedir cita terán que facelo a través do número de teléfono 622.748.283 ou do enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.