O Covelo ofrece formación en alimentación de bebés

Complementada co manexo de atragantamentos

O Covelo | O Concello de Covelo en colaboración co centro de saúde local organizan unha charla informativa sobre alimentación BLW e atragantamentos aberta a toda a cidadanía das vilas da contorna totalmente de balde. Será o vindeiro luns 20 de marzo ás 16 horas no auditorio municipal.

A nutricionista Ana Fariña Barco, profesional do Centro de Saúde de Covelo e graduada en Nutrición e Dietética pola Universidade de Navarra, compartirá os seus coñecementos sobre alimentación complementaria autorregulada ou a demanda dos bebés e máis cativos/as dos fogares. Máis coñecida como BLW (Baby Led Weaning) aborda o proceso de alimentación dos bebés a partires dos seis meses de idade.

Ademais, o enfermeiro do centro de saúde, Daniel Domínguez falará de como manexar situacións de atragantamento e así evitar e minimizar danos maiores. “Trátase de ofrecer nocións básicas de cuestións que afectan ao día das familias e contribuír a melloralo”.

Esta iniciativa responde á vontade dos e das profesionais do centro de saúde local de manter unha relación activa e participativa coa veciñanza para poder dotalos de coñecementos básicos fundamentais para evitar situacións de risco, mellorar a súa saúde a través de boas prácticas e hábitos de vida saudables.