O Covelo e AFAGA alíanse para previr o Alzheimer

Dentro do obradoiro Cultiva a Mente

O Covelo | O Concello de Covelo e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) asinan un convenio de colaboración que permitirá desenvolver actividades formativas e preventivas relacionadas coa saúde ao longo de todo o ano.

O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, coincidiron en salientar a importancia de establecer alianzas para a mellora da calidade de vida non só das persoas que padecen Alzheimer tamén das familias e persoas coidadoras.

Grazas a esta colaboración a veciñanza de Covelo poderá participar nas distintas clases gratuítas impartidas por profesionais da saúde dentro do obradoiro Cultiva a Mente que vén de comezar e prolongarase ata o mes decembro con sesións dunha hora e media unha vez á semana.

O obradoiro “Cultiva a Mente” é un proxecto que abrangue a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional. Os participantes teñen un rol predominantemente activo nun programa formativo que explora as preocupacións e necesidades de cada individuo, proporcionando unha resposta útil para ó seu día a día proporcionando hábitos saudables no plano cognitivo e afectivo.

Os obradoiros, enmarcados na estratexia local Covelo Cóidate, comezan cunha valoración de cada usuario, concretamente das súas capacidades cognitivas. Neste senso utilízase a escala SAGE co gallo de detectar un posible deterioro cognitivo, dado que en caso de sospeita de que a persoa poida padecer algún tipo de demencia activaranse os protocolos de derivación, asesoramento e acompañamento pertinentes.

Deste xeito o Concello de Covelo e AFAGA promoven un envellecemento cognitivo saudable, a adhesión a un estilo de vida activo e saudable por parte das persoas maiores participantes, promoven o desenvolvemento de estratexias de memoria activas e o coñecemento cognitivo e metacognitivo, ampliando a información sobre os procesos cognitivos e como aplicalos eficazmente nas tarefas da vida diaria.

Ademais de mellorar o axuste persoal e social das persoas participantes, aumentando a calidade de vida.

AFAGA nace no ano 1994 co obxectivo de ofrecer información, asesoramento e orientación a todas as persoas que o soliciten e achegar a realidade desta enfermidade a entidades públicas e privadas para conseguir unha resposta ampla e eficaz á demanda deste colectivo e estimular e colaborar nas investigacións que se realizan sobre esta doenza.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.