
Madrid | A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do Corpus Christi de Ponteareas, unha das celebracións máis emblemáticas do calendario festivo galego, declarada Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural de Patrimonio Inmaterial.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos deu a benvida aos asistentes destacando o papel da Casa de Galicia como espazo de encontro e difusión da cultura galega na capital de España. O director sinalou que o Corpus Christi de Ponteareas “transcende o ámbito relixioso” para converterse nunha expresión colectiva da cultura popular galega, construída xeración tras xeración grazas á implicación dos veciños e ao compromiso compartido por preservar unha tradición única.
Neste sentido, puxo en valor as alfombras florais que cada ano transforman as rúas da vila en “auténticas obras de arte efémera”, destacando que condensan “moitos dos valores que fan de Galicia Calidade: excelencia, esforzo compartido, tradición, creatividade e unha visión aberta ao mundo”.
Así mesmo, Ramos aproveitou a ocasión para invitar os asistentes a visitar Galicia durante os próximos meses e descubrir a súa ampla oferta cultural, patrimonial e turística. Neste contexto, fixo referencia tanto á celebración do Corpus Christi de Ponteareas como ás múltiples festas, paisaxes, propostas gastronómicas e actividades culturais que ofrece a comunidade, así como á eclipse total de sol previsto para o próximo 12 de agosto, un acontecemento astronómico para o que Galicia se posiciona como un dos mellores lugares de observación.
A presentación permitiu achegar ao público madrileño unha das tradicións máis singulares do patrimonio inmaterial galego, na que miles de persoas participan cada ano na confección artesanal das alfombras florais que cobren as rúas de Ponteareas durante a celebración do Corpus Christi.




