O Corpus entra na escena política en Ponteareas

A Xunta da 'luz verde' para o BIC do Corpus mentres o PSOE critica o 'uso político' do mesmo

Ponteareas | A Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o Corpus Christi de Ponteareas está xerando movementos de ida e volta entre o novo goberno municipal dirixido por Nava Castro (PP) e a oposición, neste caso o PSdeG-PSOE.

O Diario Oficial de Galicia publicou este 21 de xuño (número 117, páxina 38695) a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Corpus Christi de Ponteareas. A noticia é moi ben recibida no seo do equipo de goberno porque “é un recoñecemento máis que merecido a toda unha vila e a unha tradición que nos fai únicos e nos distingue a todos os niveis”, segundo palabras da alcaldesa, Nava Castro.

A publicación do diario oficial recolle que o Corpus Christi de Ponteareas “constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social, ritual e cerimonial, dotado cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo, para confeccionar un conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, provisto dunha significación cultural que supera o ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular e as súas manifestacións, circunstancia que implica un elevado coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais, tanto nas actividades produtivas coma nos procesos de posta en práctica”.

O procedemento legal para obter este prestixioso recoñecemento ten un prazo máximo de resolución de 24 meses contados a partir da data desta resolución, aínda que se confía en que se axilice o procedemento para que “Ponteareas poida certificar que a tradición do Corpus conta, ademais do peso da historia, do respaldo popular e da atracción dos visitantes, cunha distinción do máximo nivel”, explica a rexedora ponteareá.

A noticia, esperada desde que en 1995 se promovese o primeiro recoñecemento, foi moi ben acollida no Concello, desde onde se quere poñer en valor o traballo fundamental das persoas e colectivos de alfombristas, que “protexeron, fomentaron e divulgaron este saber facer único de xeración en xeración. Eles e elas son os grandes artífices desta boa nova e por iso serán os grandes protagonistas nos vindeiros anos”. “Este goberno xa comprometeu o seu apoio decidido, cun amplo paquete de medidas que poremos en marcha xunto a eles, para que o Corpus Christi sexa protagonista durante todo o ano, en toda a vila e para todos os públicos”, relata Nava Castro, que engade que “é unha grandísima noticia para todo Ponteareas. Preservar e potenciar a tradición do Corpus é fundamental e será clave na folla de ruta deste goberno na área de promoción turística. Darémoslle máxima prioridade”.

Esta fase definitiva do expediente arranca da man do novo período político en Ponteareas e contará co respaldo do goberno no seu conxunto para que a vila sexa un referente en materia cultural e turística co Corpus Christi e as alfombras florais como argumento clave.

Malestar no PSOE
Tralo anuncio da alcaldesa Nava Castro de que a Xunta de Galicia iniciou o procedemento para a declaración do Corpus Christi como Ben de Interés Cultural (BIC), os socialistas ponteareáns subliñan que dito anuncio “non fai máis que confirmar o que o PSOE leva dicindo nos últimos anos de que a Xunta de Galicia tiña a documentación metida nun caixón e nin sequera abrira o expediente para a súa tramitación”.

Segundo comenta o PSdeG-PSOE de Ponteareas, a solicitude da declaración do Corpus como BIC foi realizada en 2017 e, “tralo silencio absoluto por parte da Xunta de Galicia, requeríuselle información sobre o expediente en maio de 2020, marzo de 2022 e abril de 2022. Tivemos que agardar ata o 23 de xaneiro deste ano para que a Xunta nos convocase a unha reunión” considerando que Nava Castro “paralizou e dormitou a documentación remitida dende o Concello sen nin sequera incoar o expediente administrativo; unha mostra máis das políticas caciquís do Partido Popular que non cesaremos de denunciar”. Os socialistas ponteareáns acusaron ao PP e á Xunta de Galicia de “mentir e enganar aos veciños e veciñas de Ponteareas” a través dunha “perversa xogada política na que priman os intereses partidistas por riba das persoas”.

XIII Open Vila do Corpus de Tenis
A través dunha nota de prensa, o Concello de Ponteareas anunciou que “quenta motores para acoller a XIII edición do Open Vila do Corpus de tenis, un dos eventos deportivos máis destacados da vila que se celebrará do 23 de xuño ao 2 de xullo nas pistas da Freixa”.
Organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello, o torneo contará con algunhas das mellores raquetas da comunidade, que regresan do seu periplo deportivo polos Estados Unidos.

Estes días 135 deportistas de sete categorías diferentes, dende benxamíns ata veteranos +45, mediranse en varios encontros que prometen entreter ao público cunha competencia de alto nivel, un xogo excepcional e un espectáculo deportivo único no que poderá desfrutarse de varias e varios top ten do ranking galego de tenis. O torneo repartirá 1.000 euros en premios en metálico.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o alto nivel dos participantes do Open Vila do Corpus e valorou o esforzo continuo do Club Tenis Ponteareas para organizar este trofeo ano tras ano. “Orgullécenos poder recibir na nosa vila a tenistas de elite e poder gozar de tanto talento e da paixón que amosan en cada partido. Agradecemos ao club a súa dedicación e o seu arduo traballo para levar adiante este torneo e brindar á veciñanza a oportunidade de desfrutar aquí do tenis de alto nivel”.