O Corpus Christi de Ponteareas estrea alumeado

Con luminarias de tecnoloxía LED e telexestión

Ponteareas | Ponteareas porá fin en poucas semanas ás obras de renovación do seu alumeado público, a través do que se substituíron as luminarias públicas nas parroquias e no centro urbano por tecnoloxía LED e telexestión, o que permitirá un maior aforro enerxético, mellorar a seguridade cidadá e axustar a iluminación ás necesidades da vila.

“Xa temos renovadas máis do 90% das luminarias e cadros de mando. Con este cambio tamén fomos implantando unha ferramenta que nos permite monitorizar, medir, controlar e realizar xestións en remoto do alumeado público, ofrecendo así unha maior calidade”, sinala Chus Garrote, tenenta de alcaldesa e concelleira de Vías, Obras e Alumeado.

Precisamente será o tradicional Corpus Christi de Ponteareas o que estree este novo alumeado público no centro urbano da vila. Dada a importancia que ten para a veciñanza esta festa grande e a elaboración das alfombras florais a noite previa a Corpus, o Concello realizou estudos lumínicos pormenorizados para axustar as ópticas en cada un dos tramos e “conseguir unha iluminación óptima cunha alta uniformidade coa mínima potencia. Ademais, a axeitada temperatura de cor daralle ás nosas rúas un aspecto harmónico e un ambiente acolledor”.

Concello e Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas visitaron esta semana o percorrido das alfombras de noite para probar in situ o novo alumeado e preparar todo para a vindeira semana. Alcaldesa, tenenta de alcaldesa e concelleiros foron recorrendo tramo a tramo cos e coas alfombristas subindo a iluminación un 50% máis en cada zona para comprobar a melloría e ver aqueles puntos nos que se precisarán proxectores para as zonas de sombra, que coas novas luminarias serán moitos menos.

O Concello comezou hai uns meses a renovar o sistema lumínico do municipio, “comezando polas parroquias máis afastadas e as rúas máis transitadas. Con este cambio conséguese unha importante diminución do consumo enerxético, increméntase o aforro de custos e mantemento, redúcese a pegada e carbono e tamén diminúese a contaminación lumínica”, como sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Ademais, a nova iluminación está analizando posibles melloras en zonas quentes como poden ser cruces de peóns ou espazos no que ata o de agora contaban con luz deficiente ou inexistente.

“Este cambio era algo necesario para todo o municipio e é unha satisfacción que estea completamente renovado nesta época do ano, coincidindo cun Corpus que sabemos que será todo un éxito de participantes tras dous anos de parón pola pandemia. Veciños e visitantes serán testemuñas do noso novo alumeado”, salienta Garrote.

Este proxecto do Goberno municipal do BNG-PSOE conta co cofinanciamento ao 80% con fondos do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.