O consistorio de Beade (Ourense) permanece “totalmente pechado” en xornada laboral

Un peche que volve a repetirse un ano despois

Beade | O PSdeG-PSOE de Beade denuncia un novo episodio de “ausencia total” de transparencia no municipio, tralo peche da casa consistorial sen previo aviso e sen informar debidamente á oposición e á veciñanza.

Os socialistas critican que o consistorio permanece “totalmente pechado” en xornada laboral e únicamente se informou a través dun cartel na porta, de forma que moitos veciños e veciñas que tiñan que realizar xestións atopáronse coas portas pechadas sen previo aviso. O peche da casa do Concello mantense no día de hoxe, tras estar pechada tamén varios días da pasada semana.

O grupo municipal socialista explica que o peche “débese o aumento de casos de coronavirus nas últimas datas” e segundo afirman “hai varios positivos que afectan directamente á Alcaldía, tal e como se informa no cartel da porta”, motivo polo que alcalde, Senén Pousa, decidiu pechar a casa do Concello “sen ningún tipo de comunicación oficial”.

Os socialistas sinalan que ante unha circunstancia deste tipo “é de obrigado cumprimento illarse e tomar medidas, pero consideramos que se podería ter avisado á veciñanza e á oposición da situación para que non tiveran que ter constancia a través dun cartel na porta do Concello”.

Un peche que volve a repetirse un ano despois do que xa se levou a cabo o pasado ano, pero tal e como afirman os socialistas “desta vez polo menos colgaron un cartel para avisar á veciñanza, algo que non aconteceu en xaneiro do ano pasado”.

O PSdeG-PSOE de Beade considera que o alcalde do Partido Popular, Senén Pousa, segue coa súa política de “ocultar á veciñanza e á oposición todo o que acontece a nivel municipal”, motivo polo que lle esixen “transparencia” e que “informe debidamente de todo o que acontece, como sucede en calquera outro concello da contorna”.