O concello do Porriño reduce a fenda dixital entre o alumnado do municipio

Segue a distribución dos "routers" e tarxetas de internet nos centros docentes

O Porriño | O concello de O Porriño fixo entregas de material en catro centros docentes do municipio. As imaxes corresponden á entrega realizada a pais e nais de alumnos do CEIP Antonio Palacios, en Torneiros. Alí correspondían 38 “routers” e outras tantas tarxetas de conexión a Internet de 60 GB.

Tamén se distribuíron no CEIP da Ribeira (30 routers e tarxetas); no CPR Santo Tomas (11); no IES Ribeira do Louro (60); no CEIP Fernández López (42); “Hermanos Quiroga” (8); CEIP Atios (23) ; Cruz Budiño (15). Os pais e nais de 15 alumnos do IES Pino Manso tamén recibiron este apoio telemático.

A operativa é apoiada por voluntarios de Protección Civil do Concello do Porriño para “garantir que se mantiveran as distancias de seguridade e as medidas de hixiene precisas”, segundo explicou a concelleira de Educación, Lourdes Moure.

A concelleira aproveitou para reivindicar neste eido que “Porriño está a marcar tendencia na contorna. Antes outros concellos veciños estaban a facer e repartir fotocopias e agora imítannos. Semella que Porriño marcou un antes e un despois con esta solución de compra e reparto destes aparellos co propósito de reducir a fenda dixital entre o alumnado dos centros docentes do Porriño”, segundo indicou.

As tarxetas só terán vixencia durante tres meses. Os routers deberán ser devoltos ao Concello onde permanecerán en depósito en previsión de que por un rebrote fose necesario un novo préstamo ou que finalmente cheguen a cumprirse as previsións de que o vindeiro curso comezará en setembro coa metade do alumnado en clases e a outra meta nos domicilios.