O Concello denuncia a precaria situación da atención primaria en Ponteareas

A alcaldesa solicitou explicacións ao SERGAS
O Concello denuncia que o Centro de Saúde de Ponteareas conta con numerosas carencias que afectan á veciñanza.

Ponteareas | O Concello denuncia a precaria situación que está a vivir a atención primaria en Ponteareas, que conta con importantes carencias que están a xerar numerosos problemas á veciñanza ponteareá e que poder chegar a afectar á súa saúde.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, amosa a súa preocupación por unha situación que se vén mantendo no tempo e que nestes intres deixa ao centro de saúde cun cadro de persoal médico decimado e reducido ao un terzo, o que provoca tamén “que haxa atención médica con cita só en quenda de mañá e que as axendas de tarde estean pechadas, atendendo soamente urxencias”.

“Esta sobrecarga das axendas do persoal sanitario vai en detrimento da calidade da atención ás e aos pacientes. Non só se están a saturar as urxencias, tendo que acudir varias veces incluso para conseguir ser atendidos, senón que tamén temos coñecemento de casos no que as persoas enfermas en urxencias deben quedar no coche pasando frío ou directamente ao aire libre”, salienta a rexedora.

Outra das eivas atópase na área de pediatría, con só un pediatra dispoñible dos tres que hai no cadro de persoal que atende unicamente os casos urxentes. Os veciños e veciñas tamén amosan o seu malestar pola imposibilidade de contactar telefonicamente co Centro de Saúde, xa que está desviado a un contestador automático.

Esta situación, ademais de impedir que se fale con persoal administrativo, impide levar a cabo a atención sanitaria xa que non se están a procesar as chamadas rexistradas no contestador automático e a ou o paciente acaba por non ser atendido.

Fernández Davila xa amosou a súa preocupación por esta situación á Xerencia do Sergas e, tras as numerosas queixas e comentarios trasladados a diario pola veciñanza, solicitou explicacións á maior brevidade posible sobre o porqué desta situación e a previsión temporal da mesma. “Queremos saber o motivo que está a provocar esta precariedade, se é algo puntual ou unha situación que dende Sanidade agardan que se prologue no tempo e, sobre todo, posibles solucións a todos os problemas que se están xerando”, recalcou.