O Concello de Santiago súmase á celebración do Día do Pobo Xitano

O alcalde presidiu o acto de celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se conmemora o 8 de abril. Martiño Noriega encargouse de darlle lectura ao manifesto redactado polo escritor Manuel Rivas

Santiago de Compostela | O manifesto con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano avoga por aproveitar o 8 de abril para “limpar as miradas de prexuízos, para que os dereitos recoñecidos ao pobo xitano poidan ser exercidos”. O texto sinala que “é un bo día para comprometerse a superar os atrancos á educación, para que se deixe de falar de chabolismo en España e cada familia xitana teña un fogar e unha vivenda digna, e para incrementar a formación dos traballadores e traballadoras xitanas e poñer fin á discriminación no emprego”.

xitano

 

Recoñecemento ao himno e á bandeira xitana

O Día Internacional do Pobo Xitano lembra o primeiro Congreso Mundial Xitano celebrado en Londres o 8 de abril de 1971, no que se instituíron a bandeira e o himno xitanos. Non obstante, ningún dos dous elementos foi recoñecido en España ata este ano, grazas a unha proposición non de lei aprobada no Congreso dos Deputados no pasado mes de marzo. Así o destacou durante o acto Eva Vera, da Fundación Secretariado Xitano, que lle pediu ás administracións que “fagan un maior esforzo para que todas as persoas teñan os mesmos dereitos”.

O acto celebrado no Pazo de Raxoi foi unha homenaxe tanto á bandeira como ao himno. A mediadora da Fundación Secretariado Xitano Zaida Jiménez encargouse de explicar o significado da bandeira, “que a través da roda dun carro simboliza a libración do pobo xitano e o feito de ter sido unha comunidade itinerante”. Pola súa parte, o actor Paco Luna deulle lectura á letra do himno xitano, que tamén fai referencia a esa condición de pobo itinerante dende o seu comezo coas palabras “Gelem, Gelem…” que significa “Andei, andei…”.

O acto, no que interviñeron mulleres xitanas expresando as súas reivindicacións, pechouse escoitando o himno xitano.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!