O Concello de Monforte manifesta o seu apoio e solidariedade con Ceuta

Non participará na concentración convocada “unilateralmente” pola presidenta da FEMP

Monforte de Lemos | O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Concello de Monforte non se sumará ás concentracións convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para este mércores, 2 de setembro, diante dos Concellos de toda España en apoio a Ceuta, ao considerar que a convocatoria foi realizada de maneira “unilateral” pola presidenta da Federación, María José García-Pelayo, sen contar co consenso nin co respaldo do resto dos grupos políticos representados na FEMP.

“Non lle imos facer esa campaña ao Partido Popular, porque a presidenta da FEMP, tomou esa decisión sen contar cos representantes do resto de grupos”, sinala José Tomé, e pídelle aos monfortinos e monfortinas “que non perdan o tempo, porque isto é para utilizar como campaña política de cara ás eleccións xerais”. Polo tanto, engade, “desde o Goberno municipal non vai haber concentración”.

O Alcalde, José Tomé, súmase así ao comunicado emitido polos grupos Socialista, Izquierda Unida-Compromís-Comuns-Podemos, ERC e Junts da FEMP, que critica que “unha vez máis nesta lexislatura, o PP apártase do funcionamento democrático da FEMP para facer un uso partidista da institución, faltando ao respecto á normativa e aos procedementos internos”.

En todo caso, o Alcalde de Monforte quere deixar claro que “esta decisión do Concello de Monforte non supón, en ningún caso, cuestionar a necesidade de mostrar solidariedade coa cidade de Ceuta e coa súa cidadanía ante a situación que está a vivir, totalmente allea ao Goberno central e ao Goberno de España”. Pola contra, o Goberno municipal considera que “unha cuestión desta importancia debe abordarse desde a unidade, a institucionalidade e o consenso, e non mediante iniciativas promovidas unilateralmente desde a presidencia dunha entidade que representa ao conxunto do municipalismo español”.

O comunicado conxunto dos grupos políticos representados na FEMP, coa excepción do Partido Popular, sinala que a presidenta da Federación actuou “de forma unilateral” e sen contar coa aprobación ou respaldo do resto de grupos. Así mesmo, indica que a convocatoria das concentracións non contou co acordo dos órganos de goberno da FEMP.

Neste sentido, o Concello de Monforte comparte a posición expresada polos grupos da FEMP que manifesta o desacordo coa actuación da presidenta e solicita unha “rectificación” das decisións adoptadas.

Deste xeito, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, considera que “Ceuta merece toda a nosa solidariedade e o noso apoio, pero a FEMP non pode ser utilizada como instrumento partidista por ningún partido político”. Lembra que a Federación Española de Municipios e Provincias “representa ao conxunto dos Concellos e, polo tanto, as súas iniciativas deben contar co respaldo dos seus órganos de goberno e procurar o acordo entre todos os grupos”.

O rexedor monfortino considera que, ante unha situación tan seria como a de Ceuta, “o que se necesita é unidade e responsabilidade por parte de todas as institucións, non utilizar os problemas que afectan á cidadanía para alimentar a confrontación política”. Na foto José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.