O Concello adquire os terreos para o novo Centro de Día de Xinzo

A iniciativa contou co apoio de fondos europeos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de completar a adquisición de todos os terreos necesarios para a construción do futuro Centro de Día de Xinzo. Culmínase así un importante traballo previo de xestión patrimonial e urbanística que permite que a totalidade do solo necesario para desenvolver esta actuación social estratéxica sexa xa de titularidade municipal.

Neste momento, unha vez culminada a compra, o Concello continúa avanzando na tramitación necesaria para a execución do proxecto e está á espera do informe do Ministerio competente en materia de estradas, un paso necesario para poder continuar co desenvolvemento da actuación. Mentres tanto, o Concello xa está a realizar nestes días traballos e movementos de terra no ámbito, avanzando na preparación da zona na que se situará o novo equipamento.

A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, salientou o esforzo técnico oculto tras este fito: “Con esta última adquisición conseguimos algo fundamental: que o Concello dispoña xa de todos os terreos necesarios. Foi un traballo de xestión parcela a parcela, que quizais non sempre é visible, pero que resulta imprescindible para poder executar despois os proxectos”. Táboas concluíu que “ter os terreos dispoñibles permítenos deixar atrás unha das fases máis complexas e seguir avanzando para que este proxecto se converta nunha realidade canto antes”.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “completar a adquisición dos terreos é un paso decisivo para facer realidade un proxecto moi importante para Xinzo e para todo Ponteareas”. Castro subliñou o compromiso do goberno local de “seguir creando novos servizos públicos e, especialmente, recursos que melloren a atención e a calidade de vida das persoas maiores e das súas familias”.

Así mesmo, a rexedora defendeu a necesidade de que os investimentos cheguen ás parroquias, enfatizando en que “queremos un concello no que vivir na vila ou nunha parroquia non supoña ter máis ou menos oportunidades para acceder aos servizos”. Este Centro de Día “responde a ese modelo de Ponteareas máis próximo, máis cohesionado e cunha atención social cada vez máis completa”, apuntilla Nava.

O Centro de Día de Xinzo forma parte da estratexia municipal para ampliar os servizos destinados ás persoas maiores e favorecer que poidan permanecer durante máis tempo na súa contorna. Esta actuación atópase integrada na planificación de investimentos do Concello vinculada aos fondos europeos FEDER, dentro da estratexia coa que Ponteareas pretende impulsar novos equipamentos e continuar coa transformación do municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.