O Concello acometerá obras de eliminación de barreiras arquitectónicas nos accesos ao río Tea

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de solicitar unha subvención ao abeiro do programa denominado Axudas a actuacións de Concellos incluídos na Rede Natura 2000 da que forma parte o concello ponteareán ao estar o río Tea dentro desa iniciativa europea que tenta preservar e recuperar os espazos de especial interese medio ambiental.
A axuda solicitada polo Concello de Ponteareas, explicaba o alcalde, “permitirá realizar os traballos precisos para a eliminación de barreiras arquitectónicas nos accesos ao río Tea”. A eliminación deste tipo de barreiras permitirá, segundo González Solla, “acceder as praias fluviais e, en xeral, ás beiras do Tea, non só as persoas con mobilidade reducida, senón tamén a nais e pais con carriños de neno que ven imposibilitado o acceso a ditos lugares”.
Os traballo, polo tanto, están orientados á permitir o goce “dun espacio natural, como o río Tea que, dende o Concello, queremos que sexa a zona de lecer por excelencia dos ponteareáns”.
Salvador González Solla, lembraba que dende a súa chegada á Alcaldía, o Concello deu comezo un exhaustivo traballo de eliminación de barreiras arquitectónicas nos edificios municipais. Do mesmo xeito, aseguraba o rexedor municipal, que se traballou “na grande prioridade do Concello, como era acadar o saneamento integral do río Tea que, naqueles momentos, presentaba un alto estado de degradación ambiental”.
Dentro dese proxecto realizáronse obras de saneamento de grande envergadura, como o saneamento de Xinzo, Arnoso e Areas; modernización da Depuradora; construción dunha Estación de Tratamento de Auga Potable; proxecto de ampliación da EDAR para que poida dar servizo a unha poboación de preto dos 33.000 habitantes; saneamento de Ribadetea, Padróns, Prado e Pías, e un longo etcétera de actuacións que permitiron que, a día de hoxe “poidamos falar da boa saúde ambiental que presenta o río Tea ao seu paso por Ponteareas”.
Logo destes traballos de mellora ambiental, que se atopan nos seus últimos pasos, “quedaba o que agora realizaremos, como é facilitar o acceso de todos os veciños e veciñas a esta zona de ocio, eliminando barreiras e permitindo que, as persoas con mobilidade reducida, poidan gozar deste espazo de lecer” rematou Salvador González Solla.