Ponteareas | Por prolongar o legado das e dos alfombristas, por continuar os éxitos deportivos dos tres gañadores ponteareáns de La Vuelta, pola súa forza de vontade, tesón e fortaleza, Borja Gómez Méndez, é o pregoeiro das Festas do Corpus Christi de Ponteareas, así o anunciaron en rolda de prensa o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Gzlez Carrera, e a alcaldesa Nava Castro.
“Dende o primeiro momento estamos completamente seguros que Borja Gómez reúne todo o que se espera dun pregoeiro: transmitir a emoción e o entusiasmo das festas, lazos fortes co pobo, alma alfombrista e a capacidade de transmitir enerxía, positividade e ilusión” sinalou a alcaldesa, Nava Castro.
Dende a Casa do Concello o ciclista ponteareán Borja Gómez Méndez dará o pregón o vindeiro domingo día 15 de xuño ás 13:00 horas. Unha decisión que tivo o apoio unánime de toda a Corporación. “Símbolo de superación, de esforzo, de compromiso e de dedicación. A súa forza de vontade é un exemplo a seguir. É ponteareán, é deportista, é ciclista e prolonga a tradición deses tres campións de La Vuelta e de tantos e tantos ciclistas e deportistas que a diario acadan podios en múltiples disciplinas e categorías”, engadíu a alcaldesa.
Acompañado da súa familia, do adestrador, do presidente do Club Natación Darlim Ponteareas, da presidenta do Club Ciclista que leva o seu nome e de concelleiras e concelleiros do goberno, Borja Gómez amosouse ilusionado transmitindo coas súas palabras o seu orgullo de ser neto e fillo de alfombristas. Na súa intervención recordou a noite de Corpus e o traballo nas rúas.
O ponteareán Borja Gómez é ademais de alfombrista, nadador e ciclista, embaixador da inclusión e colaborou con asociacións como “Debra-Piel de Mariposa” na proba deportiva Paris-Robaix e foi embaixador de Debra- Piel de Mariposa no Congreso Europeo de Enfermidades Raras que tivo lugar en Polonia en xullo de 2022.
Borja Gómez pertence a Discamino co que fixo La Vuelta a España por etapas no Ano 2016, etapas Pirineos e Alpes 2017 e 2019. Tamén gañou o Campionato do Mundo de Máster categoría Inclusión celebrado en Hamburgo, Alemania 2024. Tamen participou no Triatlon de Porriño nos anos 2022,2023 e 2024. Convocado pola selección galega de ciclismo para correr os Campionatos de España de ciclocross dende o ano 2018 ata o 2024.
Pedalea dende os 6 anos e recibíu en 2018 o Premio aos Valores do Ciclismo; tamén conseguíu que se incluira por primeira vez unha carreira inclusiva no programa do Campionato de España e foi beneficiario das becas Vamos-Cola Cao gravando un spot publicitario que amosou toda a beleza de Ponteareas cun percorrido ciclista e unha festa. Non coñece fronteiras e participou no Duatlón Val de Soneira e xa se lanzou a competicións internacionais estreándose en Bélxica.
Para o tenente de alcaldesa Borja Gómez Méndez leva o nome de Ponteareas aló onde vai “cargado de valores fundamentais para unha sociedade. Sabedes que as festas do Corpus Christi son o noso emblema e o momento máis importante da nosa vila. Por este motivo elixir pregoeiro é un acto de responsabilidade e de suma importancia. Sabemos que o seu é a bici e as competicións e que os actos públicos non son o seu forte por iso estamos doblemente agradecidos”. Alcaldesa e tenente de alcaldesa recoñeceron tamén o importante papel de seus pais, Calis e Montse, capaces de infundarlle eses valores e de dar ás ás ilusións de Borja multiplicando todas as súas posibilidades. Pola súa banda, seu pai tivo palabras de agradecemento para o goberno e sinalou que será un día importante cargado de emoción por todo o que significa para a familia de tradición alfombrista, para o deporte e para a inclusión.