O CDL acollerá o mércores a reunión da Rede de Cooperación do proxecto europeo Silvaplus

Subida ó Monte da Picaraña | Foto: Manoel Ucha

Ponteareas | O Centro de Desenvolvemento Local acollerá o vindeiro mércores, 15 de maio, a reunión da Rede de Cooperación do Programa Silvaplus, no que se definirán as accións de formación e divulgación que se van a realizar, durante este ano 2012, ao abeiro deste programa europeo.
Logo da apertura desta reunión que correrá a cargo do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, que terá lugar ás 11:00 horas, darán comezo as sesións de traballo nas que se fará, en primeiro lugar, un recordatorio das actividades de formación e divulgación para, posteriormente, tratar cada unha delas de xeito máis específico.
Así, dentro das accións de formación, se definirán as áreas estratéxicas de formación; os cursos e seminarios a celebrarse; responsables dos mesmos e lugares de celebración e elaboración do correspondente calendario.
No que fai referencia ás actuacións de divulgación e comunicación, falarase das accións a desenvolver e dos responsables das mesmas; lugares de celebración e elaboración do calendario.
No proxecto, participan, por parte de Portugal a Asociación Forestal de Portugal (Forestis), a Área Alto Minho e a Autoridade Forestal Nacional, mentres que por parte galega están involucrados neste proxecto a Asociación Forestal de Galicia e os Concellos de Ponteareas e Tomiño.
O proxecto Silvaplus é unha iniciativa encamiñada a facilitar a mobilización de biomasa forestal nos montes e a promover a súa utilización como fonte enerxética na área transfronteiriza do norte de Portugal e do sur de Galicia. O Silvaplus busca, polo tanto, que a biomasa forestal que producen os nosos montes non se perda e poida ter un aproveitamento sostible. Dese xeito, os usuarios deste recurso poderían contar para os seus proxectos e iniciativas enerxéticas, un recurso renovable sen ningún tipo de problema de subministración.
O proxecto Silvaplus foi aprobado no pasado ano 2011 polo Comité de Xestión do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 da Unión Europea e ten unha duración de dous anos e conta, para o seu desenvolvemento, cun orzamento próximo aos 800.000 euros dos que 565.000 euros son achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Outros artigos