
Ourense | As XLI Xornadas de Folclore pecharon esta edición no Castelo de Ribadavia onde actuaron cinco grupos. Foron máis de cen artistas quenes percorreron a provincia de Ourense durante dez días. Destacaron a súa ledicia por poder participar neste evento cultural ourensán e amosaron gratitude a todo o persoal que traballa nelas “polo trato tan atento recibido”.
As Xornadas, nas que traballan vintecinco persoas para atender todas as necesidades dos participantes e a montaxe dos escenarios, están organizadas polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación, creado no 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas)
O Centro de Cultura Popular naceu a partir dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación que, dende 1984, viña desenvolvendo unha intensa actividade no eido da música e da danza popular, e unha serie de actividades de investigación e difusión da cultura popular, seguindo a traxectoria comezada polo Colectivo Cultural Castro Floxo. As Xornadas de Folclore son unha das moitas actividades que levan a cabo ao longo do ano. Os grupos de Serbia, Taiwán, Armenia, México e Ecuador abandonaron o xoves día 20 a provincia ourensá.




