O cartel gañador das festas patronais de Monforte, “unha explosión de alegría e cor”

O alcalde José Tomé valora o deseño do murciano Rubén Alejandro Lucas García

Monforte de Lemos | José Tome Roca, alcalde de Monforte, fixo hoxe público o cartel gañador das vindeiras festas patronais da cidade, que terán lugar do 11 ó 16 de agosto de 2023. Na presentación dos deseños do carteis, o alcalde estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón.

O cartel gañador foi o do deseñador murciano Rubén Alejandro Lucas García baixo o pseudónimo “Alegría”.

Tomé recordou que “este deseñador tamén foi o gañador do concurso de carteis das festas de 2021, que como todos vostedes saben, non se puideran celebrar con normalidade por mor da Covid-19, tendo lugar ese ano so a conmemoración do Día da Patroa a Virxe de Montserrat e os Fogos de San Vicente. En 2022, recuperamos a normalidade na celebración das festas, a cal ten continuidade neste 2023”.

28ª edición do Concurso de Carteis
O alcalde explicou que “dende este equipo de goberno, cando convocamos o concurso para as festas patronais pensamos que o mellor é permitir a participación a calquera persoa que tivera interese en contribuír a divulgar as nosas festas a través da súa capacidade artística. Porque desta forma temos unha maior aportación e variedade de ideas”.

Neste senso, José Tomé recordou que “trátase dunha iniciativa que sufrira un parón despois de 2006, posto que dende 2007 e ata 2015 a elaboración do cartel anunciador fixérase por encargo. Pero dende 2015, dende que son alcalde, volvemos a apostar por esta fórmula aberta ó público en xeral, para que calquera cidadán poida facer a súa proposta. Así, neste ano 2023, o concurso cumpriu a súa vixésimo oitava edición”.

O Concello establece todos os anos un premio de 1.000 euros para o cartel gañador, “unha cantidade coa que retribuír o esforzo, o traballo e a dedicación da persoa que resultara gañadora”.

15 obras a concurso en 2023
Ó concurso deste ano presentáronse 15 traballos artísticos, un número moi similar ó de pasadas edicións. A maioría deles foron elaborados por veciños e veciñas de Monforte; en concreto foron 9 os traballos a cargo de artistas monfortinos.

Tamén chegaron propostas doutras localidades galegas, en concreto, dende Escairón, Castro Caldelas e A Coruña. Fóra de Galicia o concurso tamén espertou interese. Proba diso é que se presentaron 3 traballos dende Murcia, sendo un deles finalmente o seleccionado.

Todos os carteis que se presentaron a concurso, as 15 obras, serán expostos do 7 ó 24 de agosto na Casa da Cultura de Monforte. Unha vez remate dita exposición, os autores non premiados poderán retirar os seus carteis se así o desexan.

Elección do cartel gañador
O xurado estivo composto por sete persoas de ámbitos sociais, educativos e culturais monfortinos diferentes, así como a concelleira de Cultura, Marina Doutón. O xurado decidiu o gañador tras cinco rondas de clasificación, que levaron a tres finalistas que se disputaron o premio final.

A elección do cartel que o xurado considerou como gañador, en verbas do alcalde “é un deseño no que predomina a estética colorista e no que predomina as cores alegres, especialmente os vermellos e azuis. Neste senso, creo este cartel é unha explosión de alegría e cor, moi necesaria tras a pandemia”. “Ademais”, continuou o alcalde, “o cartel na súa parte central recolle as datas de celebración das festas, enmarcado por un “M” maiúsculo, inicial da nosa cidade, Monforte de Lemos”.

Arredor dese elemento central, nesa explosión de cor sinalada, plásmanse os principais elementos que protagonizan as nosas festas así como os lugares máis representativos da cidade: a Virxe de Montserrat, os fogos artificiais, os gaiteiros, a Ponte medieval e o río Cabe, os Escolapios, a Praza de Abastos, a Praza de España, a Casa do Concello, esculturas de personaxes históricas, o ferrocarril e o conxunto histórico de San Vicente. “Polo tanto”, resumiu José Tomé, “o cartel aúna a tradición da festa cos elementos icónicos da nosa cidade, integrados todos eles a través dos xogos de cores. Polo tanto, configúrase coma un cartel cheo de dinamismo e cor, que evoca a vitalidade das nosas festas”.