O cartel do Corpus Christi 2022 homenaxea ás mulleres traballadoras

Volve á normalidade tras dous anos de pandemia

Ponteareas | Ponteareas recupera a normalidade na súa celebración do Corpus Christi. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil; e o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, presentaron este xoves o cartel que será a imaxe dunha nova edición desta festa tradicional, que tras dous anos de pandemia volverá celebrarse coa súa programación e o seu devir habitual.

“Estamos a un mes de poder vivir o Corpus Christi en todo o seu esplendor de novo, de recuperar a normalidade e gozar desta arte efémera que tanto caracteriza á vila e cativa á veciñanza e a visitantes”, salienta a rexedora.

O cartel anunciador foi deseñado pola moza ponteareá Iria Alonso, graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con mestrado en Dirección de arte en publicidade que recolle na súa creación a esencia das alfombras florais e “homenaxea ás mulleres que vexo dende pequena sempre nos portais durante as semanas previas ao Corpus. Paréceme un labor bonito e estou convencida de que sen elas son existiría a festa. É ademais unha homenaxe a todas as mulleres traballadoras”.

Co deseño de Alonso, o Concello volve apostar por creadores ponteareáns para o cartel do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional, o que “é sen dúbida un grande escaparate para todo o talento, a creatividade, a orixinalidade e a calidade que temos a sorte de ter na nosa vila”, explica a alcaldesa.

“Queremos involucralos e achegalos de forma directa a unha tradición moi arraigada en Ponteareas e que perdurará durante moitos anos máis da man das novas xeracións”, asegura.

A mocidade achégase ao brilé
A actividade do programa Mocidade Viva comezará ás 20.00 horas no parque das Pombas. As persoas interesadas poden inscribirse xa en mocidadeviva@ponteareas.gal
Nova xornada de lecer ao abeiro do programa Mocidade Viva. Este venres 20 de maio, o parque das Pombas acollerá unha xornada de brilé ou balón prisioneiro, un xogo tradicional que aínda é moi practicado hoxe en día nos centros educativos pero que case non se ve nas rúas. O Concello quere recuperalo e achegar á mocidade ponteareá a este deporte que “permite inculcar aos mozos e mozas os valores do compañeirismo e do traballo en equipo”, como explica Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade.

A actividade, de balde, comezará ás 20.00 horas. As persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información ou realizar a súa inscrición enviando un correo electrónico ao enderezo mocidadeviva@ponteareas.gal.

Bouzó convida a toda a rapazada a participar neste encontro de lecer, así como en todas as actividades que o Concello organiza dentro do Mocidade Viva, “un programa estábel con iniciativas lúdicas e formativas dirixidas para a xente nova. O que buscamos é ofrecerlles a todas e todos espazos de lecer e socialización saudábeis con actividades divertidas, pero tamén didácticas e que fomenten novos valores”.