O Cárcere Vello de Tui será un centro de acollida de visitantes e peregrinos

O Consello da Xunta aprobou o convenio co Concello

Tui | Avanza a tramitación do proxecto para converter o Cárcere Vello de Tui, situado en pleno Camiño de Santiago no conxunto histórico, nun centro de acollida de visitantes e peregrinos que contribuirá á dinamización desta zona da cidade.

Onte o Consello da Xunta aprobaba o acordo polo que se autoriza a sinatura do acordo de cooperación entre a Axencia Turismo de Galicia e o concello de Tui para a posta á disposición dos terreos e execución da rehabilitación do cárcere vello no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca que tras esta aprobación agora comezará o trámite de elaboración do proxecto e a execución do mesmo que suporá un investimento de 484.000 euros.

Lembra o rexedor que a redacción da memoria para converter o Cárcere Vello nun centro de interpretación levouse a cabo en 2019. Reflexionaba, nese senso, sobre o longo e complexo da tramitación dun proxecto que se prolonga ao longo da varios exercicios.

Esta actuación contempla a transformación do cárcere vello en centro de interpretación e acollida de visitantes e peregrinos pero tamén terá outros usos complementarios relacionados coa dinamización do conxunto histórico de Tui.

O edificio do Cárcere Vello, data de 1.584 e acolleu as antigas Escolas Taller. Nas instalacións previstas hai unha consigna, zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro de bicicletas,…. E o patio conformará unha nova praza pública.  Tamén se recolle facer do centro un edificio accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva.