
Ourense | O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga; levará ao vindeiro pleno unha moción na que demanda un novo modelo de aproveitamento dos recursos hidroeléctricos que permita que a riqueza xerada na provincia reverta de maneira efectiva nos concellos afectados polos encoros e as infraestruturas enerxéticas.
O BNG propón que a Deputación reclame ao Estado e ás confederacións hidrográficas un sistema específico de reversión territorial da recadación procedente das taxas e cánones hidroeléctricos, de maneira que unha parte significativa destes recursos retorne directamente aos concellos afectados en función de criterios obxectivos como a potencia instalada, a superficie inundada ou o impacto social e ambiental.
A moción tamén insta á Xunta de Galicia a defender un novo modelo de compensación territorial que recoñeza o papel de Ourense como territorio xerador de electricidade renovable e inclúe a reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega que permita reducir de maneira significativa a factura eléctrica das familias e das pequenas e medianas empresas radicadas nos concellos afectados polos encoros.
“O que reclamamos é unha cuestión de xustiza territorial. Se Ourense produce unha parte fundamental da electricidade do Estado, esa riqueza ten que traducirse en benestar, emprego e futuro para a nosa xente”, defendeu o voceiro nacionalista.




