O BNG expón ao Foro Liceo o seu programa de goberno

Son vinte medidas para transformar Ourense

Ourense | O portavoz municipal do BNG e candidato á Alcaldía Luís Seara, acompañado por Xosé Carballido, número sete da candidatura ao Concello de Ourense expuxo diante do Foro Liceo o seu programa de goberno ou o que é o mesmo, “as vinte medidas para transformar Ourense”.

Baseado en cinco eixos fundamentais, Ourense como concello sostible e da auga, acolledor, en movemento, creativo e economicamente activo, Seara destacou as principais medidas a adoptar polo BNG se ten responsabilidades de goberno logo dos comicios do 28 de maio.

A aprobación definitiva do PXOM previa nova exposición pública, a reactivación e aplicación do PMUS a través da posta en marcha da oficina técnica que o desenvolva, a creación dunha oficina de captación de Fondos europeos ou a potenciación da oficina do PERI como elemento de dinamización social e económica da zona histórica son algunhas das propostas trasladadas no Foro Liceo polo candidato do BNG.

Seara fixo tamén referencia ao soterramento da avenida de Otero Pedrayo, a construción de novos equipamentos deportivos cun novo estadio no barrio do Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva ou a construción dun pavillón adaptado á práctica da ximnasia, dun rocódromo e dunha piscina olímpica na Finca Santamariña no ámbito deportivo.

A humanización de toda a contorna da Praza de Abastos número 1, a construción dun xardín termal no antigo solar de Xardín das Burgas, converter a cadea vella nun edificio multifuncional ou completar o paseo do Barbaña desde a Praza até a Muiñeira son outros dos proxectos abordados durante a reunión.

Luís Seara non quixo pasar por alto a actual situación do tecido cultural da cidade e por iso manifestou o seu firme compromiso por recuperar e potenciar o ciclo festivo e as actividades da UPO, para o cal propón a creación dunha Vicealcaldía cultural, así como implementar políticas de igualdade de xénero de maneira transversal a todo o concello, materia de suma importancia para o BNG e “que se exercerá directamente desde a Alcaldía”.