O BNG esixe ximnasio no CEIP Santiago de Oliveira

A deputada Cristina Fernández realizou esta petición ante o Parlamento galego

Ponteareas/BNG | A deputada do BNG e concelleira en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, defendeu este mércores no Parlamento Galego a necesidade de dotar de ximnasio o CEIP Santiago de Oliveira.

Fernández insistiu na necesidade desta infraestrutura para poder realizar a cuberto a materia de Educación Física nun centro que acolle actualmente a máis de 80 alumnos e alumnas, obrigadas a realizar actividades físicas en espazos improvisados ou ao aire libre en condicións que, en moitos casos, non son as máis adecuadas, especialmente cando a climatoloxía é adversa.

“Poder contar con ximnasio é unha demanda na que levan insistindo dende hai moitos anos tanto a dirección do centro como os pais e nais do alumnado, sendo menosprezados ano tras ano polo goberno do PP na Xunta”, denunciou Cristina Fernández.

A deputada do BNG, que xa lograra no pleno de Ponteareas o apoio unánime da Corporación Municipal a esta demanda, lamentou “que a Xunta pretenda agochar con promesas e escusas a súa inacción”. “Argumentan que xa teñen un proxecto en revisión, pero a comunidade educativa solicitou distintas reunións para coñecelo e abordar as previsións temporais para executalo e continúan sen ter unha resposta por parte do goberno do PP na Xunta”, afeou Fernández, que considera que “nin hai avances nin vontade política para mellorar as instalacións do ensino no rural”.

Neste sentido, Fernández lamentou “a falta de interese da Xunta en avanzar na resolución desta carencia educativa, mesmo manexando datos erróneos”, segundo indicou a deputada do Bloque en referencia ás afirmacións do Secretario Xeral de Educación manifestando problemas cos terreos, cando a parcela do CEIP conta con amplo espazo dispoñible.

“No BNG apostamos pola mellora das infraestruturas educativas para dotar ao alumnado de espazos dignos e seguros que favorezan o seu desenvolvemento integral. Por iso consideramos fundamental dotar o CEIP Santiago de Oliveira de ximnasio, garantindo así unha educación de calidade para todo o seu alumnado”, declarou Cristina Fernández.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.