
Ourense | A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, acompañada de Manuel Chan, candidato do BNG á Alcaldía do Carballiño e membros da agrupación local, denunciou que oito meses despois de anunciar ante unha pregunta do BNG no Parlamento Galego que o futuro Centro de Saúde do Carballiño estaría licitado no primeiro semestre de 2026 “vemos como era outra mentira máis do Partido Popular, pois nin está nin se lle agarda, nin hai orzamento previsto e vemos como nin sequera se derrubou a estación de autobuses vella do Carballiño onde vai estar situado”.
Presas cualifica esta situación de “absoluto escándalo pois hai que lembrar que é unha demanda histórica da segunda vila máis importante de Ourense despois da cidade, algo que despois de anos negando, o PP prometeu en 2021 e cinco anos despois non temos nin a primeira pedra”. Presas engade, “para o BNG é particularmente escandaloso porque neste tempo si se avanzou nas promesas do CIS de Lugo, Vigo e Lalín, que xa son unha realidade, e mentres non temos nin CIS de Ourense nin tampouco un Centro de Saúde do Carballiño que se chegou a anunciar tamén como Centro Integral de Saúde”.
Para o BNG “non estamos a falar dun capricho, hai que recordar que esta proposta ten a súa orixe na necesidade de resolver os graves problemas de infraestruturas e dotación do centro actual despois de anos de queixas veciñais, reclamacións das e dos profesionais, mobilizacións masivas e queixas á Valedoría do Pobo”.
No BNG engaden que “seguimos pensando que o lugar non é o mellor, pero unha vez resolto o problema da ubicación e da adaptación das normas urbanísticas non ten xustificación que siga atrasándose e todo parece unha manobra do goberno de Rueda para volver anuncialo antes das eleccións municipais, polo que desde o BNG reclamamos respecto á veciñanza, que se licite de inmediato e avanzamos emendas aos orzamentos de 2027 para blindar unha partida específica”. Noa Presas sinala igualmente que “presentamos iniciativas para corrixir as insuficiencias de persoal e servizos, singularmente aumentando a dotación de horas, horarios e profesionais nas áreas máis necesitadas de reforzo, como é o caso de pediatría, matroas, xinecoloxía e radioloxía”.




