O BNG de Ourense pide explicacións á Xunta de Galicia pola falta de prazas no centro de atención a maiores

Reclama medidas para o adecuado seguimento e resolver incidencias

Ourense | A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, avanzou a presentación por parte da formación nacionalista de iniciativas no Parlamento Galego para demandar explicacións á Xunta de Galicia pola falta de oferta de prazas de día no CAPD Ourense ante a queixa de varias familias que solicitaron o servizo.

Presas afirmou que “Ourense reclamou durante décadas a construción dun Centro de atención ás persoas con diversidade funcional público e de xestión publica para maiores de 21 anos que dera cobertura ás comarcas da zona interior sur do noso país, toda vez que é a única zona excluída dun servizo similar. Despois de anos de reclamacións a Xunta non cumpriu esta demanda ao 100% e, por riba, máis dun ano despois da posta en funcionamento non está ao 100%”.

A deputada recorda que “estamos na metade do período de concesión e contemplábase nos pregos a cobertura de 110 prazas, 30 de atención diúrna e 80 residencial para distintas realidades: persoas dependentes con trastorno do espectro autista, con dano cerebral adquirido, con parálise cerebral ou discapacidade intelectual.”

O BNG denuncia que “a día de hoxe non se está a contar co servizo de atención diúrna terapéutica para usuarios e usuarias que poderían estar polo día no centro e volver ás súas casas pola noite, un servizo que é esencial para a integración e tamén para o respiro familiar e das e dos coidadores. Este servizo deben funcionar de luns a venres cun horario de funcionamento de 8 horas que inclúe o de comedor e debe prestarse cando menos 220 días ao ano, algo que obviamente non se cumpriu no primeiro ano de funcionamento e desde o BNG pedimos explicacións sobre as razóns e saber se a Xunta autorizou esta excepcionalidade”.

Por outra banda, dixo Presas, é preciso que a Xunta fiscalice o cumprimento das rateo de persoal, que son preceptivas para un adecuado funcionamento do centro e o adecuado seguimento e planificación das atencións individualizadas. Así mesmo, “ante a constancia por parte da veciñanza de distintas visitas das forzas policiais, faise necesario que a Xunta aclare as súas razóns e concrete se están garantidas as medidas necesarias de seguridade e se está a derivar a este centro usuarios e usuarias con outros perfís tal e como adoita facer con residencias de maiores.”

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.