
Ourense | O BNG leva tempo advertindo que a licitación dos autobuses podía rematar mal. O portavoz municipal, Luís Seara, lembrou que o grupo nacionalista xa puxera de manifesto as consecuencias negativas dun proceso que cualifica como “un auténtico despropósito”, non só por vulnerar o Prego de Condicións Administrativas (PCA), senón porque ademais, segundo a recente resolución do TACGAL, existen incumprimentos nas instalacións, deficiencias no estudo económico e falta de solvencia técnica por parte da empresa adxudicataria.
“Non facía falla ser Nostradamus para saber quen ía gañar a concesión. Cacicada de manual”, ironizou Seara, quen sinalou como “casualidade, ou non” que o empresario que aparecía asinando co alcalde Jácome o pacto da alameda sexa precisamente quen resultou adxudicatario. Segundo explicou, o TACGAL devolve agora “a pataca quente” ao Concello, obrigado a retrotraer o procedemento, sen que por agora se saiba como se resolverá nin que consecuencias terá. A isto engádese a falta de crédito para adxudicar o contrato e os “pufos” que o alcalde segue a acumular coa actual concesionaria, que xa reclama 14 millóns de euros.
O BNG denunciou tamén o acontecido desde que Jácome decidiu que o Concello mercase os autobuses por 14 millóns de euros. Cando o rexedor propuxo a compra, as nacionalistas xa advertiron de que “non se podía comezar a casa polo tellado” e que antes debera definirse o mapa de liñas para mercar despois os autobuses. O goberno local fixo caso omiso e sacou a concurso tres lotes: 15 autobuses pequenos (“busitos”), 15 normais e 10 eléctricos. Os busitos, mercados foron “o timo da estampita” —pouco funcionais, con avarías recorrentes, acabados cuestionables e serias dificultades para obter pezas de reposto, ata o punto de canibalizar unidades sen estrear—. É habitual ver na nave de Quintela un número significativo de unidades paradas, chegando nalgúns momentos á metade da frota.
As nacionalistas poñen o foco tamén na frota eléctrica: dos 10 vehículos mercados, cun custo próximo aos 7 millóns de euros, só circula a metade, xa que a imposibilidade de carga simultánea impide que os dez estean operativos á vez, malia que as estacións de carga xa figuraban recollidas no contrato.
En síntese, o Concello mercou 40 autobuses dos que, dependendo do día, 10 ou máis non circulan polas rúas de Ourense. Aínda así, o alcalde propuxo gastar 2,5 millóns de euros máis para mercar outros 7 buses, unha proposta á que o BNG se opuxo por consideralo “unha nova engañifa”. “Se hai preto de 10 buses na nave sen circular a diario, por que insiste Jácome en mercar máis buses?”, cuestionou finalmente Seara.




