“O AVE non chegará a ningunha cidade galega ata 2022”

Santiago de Compostela | A crónica dunha rendición anunciada. Así definiu Luís Villares a actitude de Feijóo con respecto ó Goberno central á hora de negociar os prazos da chegada do AVE a Galicia. “A Alta Velocidade non chegará a ningunha cidade galega antes de 2022 porque vostede foi a Madrid a comportarse como un subordinado, como un simple delegado do Goberno en Galicia, foi vostede co rabo entre as pernas e volveu cunha mentira nos beizos”, díxolle o portavoz de En Marea ó Presidente da Xunta durante a sesión plenaria.

 

“E por que habiamos de confiar na súa palabra. Primeiro dixeron 2010, despois 2012, logo 2015, logo 2018. Tiveron que inventar o troceado igual que inventaban as mordidas da adxudicación de obra pública para pagar con sobres a altos cargos do PP e as reformas de sedes do PP agora trocean os tramos para poder xustificar a chegada no AVE no ano 2019. Quen confia no Feijóo da AP9 para Galicia, do Vega Sicilia, quen se fia do Goberno amigo de Bárcenas e do amigo dos hilillos de plastilina. Por canto tempo máis temos que aguantar o galego ser tratados como cidadáns de segunda?”, argumentou o portavoz do grupo parlamentario de En Marea.

Luís Villares referiuse na súa intervención ó treito Taboadela-Ourense, que aínda está por licitar e aproveitou para pedirlle ó Presidente da Xunta que impida a segregación e venda das centrais de Ferroatlántica. “Claro que vostede non o saberá, como tampouco sabía hai unhas semanas que Villar Mir tiña intención de esnaquizar Ferroatlántica e vendela separadamente. Sóuboo porque entrou no Parlamento pola boca de En Marea, que trouxo a voz de toda a comarca da Costa da Morte en defensa dos seus postos de traballo. Defenda a legalidade da concesión e non permita a venda frarccionada da hidroeléctrica e da ferroaleación”, instou Villares.

Despois de preguntarlle a Feijóo polos prazos, Luís Villares reivindicou un servizo ferroviario de proximidade que vertebre Galicia “porque a nós gústanos ir a Madrid pero tamén nos gustaría poder ir de Santiago a Lugo en tren”.

O presidente da Xunta non respondeu a pregunta de En Marea e limitouse a dicir que En Marea non ten lexitimidade para preguntar polo AVE pois el vive na “calle Vista Alegre e levan dous anos sen rematar as obras”, en referencia á residencia oficial de Monte Pío en Santiago de Compostela.