
O Porriño | O Concello do Porriño continúa a avanzar de xeito firme na modernización e expansión das súas infraestruturas culturais. Así, acabanse de licitar as obras correspondentes ao “Proxecto de ampliación do auditorio para unha nova sala de exposicións e anfiteatro” Esta importante intervención arquitectónica, que se desenvolverá na rúa Xosé Fernández López , constitúe a segunda fase do gran complexo sociocultural do Porriño.
Máis espazo e mellores dotacións
A finalidade principal desta ampliación é enriquecer a axenda social e cultural do concello dotándoo de espazos versátiles, modernos e accesibles. O novo volume edificado conectará directamente co auditorio que actualmente se atopa en fase de construción.
Entre as principais novidades destaca a creación dun anfiteatro con capacidade para 25 novas butacas orientado cara ao escenario principal, o que permitirá elevar a capacidade total do conxunto ata as 350 prazas. Un deseño que explicou o alcalde, se fixo co asesoramento da artista porriñesa Janeth Novás. Así mesmo, dotarase ao complexo dunha sala de usos múltiples e exposicións na cota superior que servirá de acceso accesible mediante unha rampla , ademais de aseos adaptados, almacén e unha pequena zona de cociña.
Cafetería ao aire libre na cuberta
Outro dos grandes atractivos do deseño arquitectónico, asinado pola arquitecta Estefanía Grandal Leirós , é o aproveitamento da súa cuberta plana. Nela configurarase unha terraza que se converterá nunha gran cafetería ao aire libre. Un espazo único no Porriño, cunhas vistas privilexiadas do centro urbano. Un entorno que servirá para grandes eventos pero tamén como novo espazo de lecer para a cidadanía.
“Coa licitación desta segunda fase, O Porriño dá un salto cualitativo na súa oferta cultural. Non só ampliamos o espazo físico do Auditorio ata as 350 prazas, senón que creamos un punto de encontro vivo, moderno e accesible para todos os veciños e veciñas”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
Integración urbana e sostibilidade
O deseño persegue un estrito diálogo visual e volumétrico cos edificios lindeiros (o Centro Cultural e a Biblioteca Municipal, construídos en Rosa Porriño). Así, para o novo volume utilizarase un revestimento exterior de fachada ventilada en chapa de zinc de cor marrón, logrando unha imaxe limpa e contemporánea.
Ademais, os traballos contemplan a urbanización integral de toda a parcela exterior (duns 500 metros cadrados) para xerar un contorno peonil de calidade, totalmente accesible e que facilitará o acceso ordenado de vehículos para as tarefas de carga e descarga de material escénico , ademais de acondicionar unha nova rúa perpendicular que dará acceso ao montacargas municipal. En materia de sostibilidade, a nova infraestrutura adoptará os máximos criterios de eficiencia enerxética mediante un sistema de climatización por bomba de calor aerotérmica.
Coa apertura deste proceso de licitación pública, a o municipio prepárase para dar un salto de calidade cualitativo que situará ao Porriño na vangarda das dotacións culturais e de lecer da contorna. Os traballos, que ascenden a 737.291,87 € , licitaranse mediante un procedemento aberto e contarán cun prazo máximo de execución de 7 meses a partir da súa adxudicación.




