O Alcalde suspende o Pleno para non votar a súa Dimisión

Xosé Represas suspendeu o Pleno Ordinario da Corporación Municipal celebrado o día de onte para non tratar a moción do PP na que se lle solicitaba a súa reprobación e dimisión por perder unha subvención de 87.000 euros para o asfaltado de camiños en Cillarga, Cumiar e Mouro.

Ponteareas/PP | O Partido Popular critica a decisión do Sr. Alcalde de suspender o Pleno ao verse en minoría e para non votar este punto buscou o enfrontamento coa oposición e así provocar a súa suspensión.

O alcalde levantou o Pleno aducindo que só se podía votar a reprobación e non a súa dimisión, cando o propio alcalde, estando na oposición, en multitude de ocasións, solicitaba a dimisión do daquela alcalde, Salvador González Solla e doutros concelleiros do goberno do PP; recordan os populares que nunca se prohibiu que se trataran aquelas mocións. Como di o refrán: sementa tormentas e collerás tempestades ou, o que é o mesmo, cada un é escravo das súas propias verbas.

O fondo desta cuestión estaba na moción, na que se solicitaba ao Pleno que acordase a reprobación e dimisión do Alcalde e da concelleira de Vías e Obras, pola súa nefasta xestión na tramitación dunha subvención do “Plan Marco de Camiños 2016” da Xunta de Galicia, destinada á mellora dos camiños rurais, liña á que o goberno ponteareán presentou un proxecto para asfaltar parte da estrada de Cillarga, un anaco dunha pista en Cumiar e un pequeno camiño en Mouro, para puntear a iniciativa do PP que presentara, case un mes antes, unha proposta no mesmo sentido “Mellora do Camiño de Cillarga dende o cruce do Misto ata o barrio de Cillarga”. Aprobado o proxecto do goberno no pleno do 2 de marzo, deixan pasar o tempo, dórmense nos loureiros, e solicitan as pertinentes autorizacións de Patrimonio o 19 de xullo. Despois, todo son présas, as autorizacións non chegan, entón non se lles ocorre mellor cousa que botarlle a culpa a Patrimonio por non concederlles a autorización a tempo, para remendar o desastre, fan un novo proxecto con cargo a outras partidas.

O importante é que este goberno perdeu 87.000 euros que ben podían estar empregados na mellora de vida dos nosos veciños e veciñas de Ponteareas: en asfaltados de camiños, en campos de herba sintética, na mellora das casas culturais, en locais sociais para colectivos, na creación de postos de traballo… e despois din que non hai cartos, o certo que o que si hai son uns nefastos xestores gobernando o concello de Ponteareas, este pobo non se merece uns gobernantes tan bisoños e con tan pouca talla política, onde un indigno alcalde vendedor de preferentes, a día de hoxe, non foi quen de pedir desculpas aos veciños estafados pola súa xestión durante a súa etapa laboral.

Esta é a democracia participativa e de consenso dun goberno e dun alcalde que emprega formas ditatoriais e autoritarias no desempeño do seu cargo, paradigma dun goberno de esquerdas que di unha cousa e logo fai a contraria.