O alcalde do Porriño reforza o seu equipo electoral

Busca a reelección apostando pola xestión e a experiencia

O Porriño/PPdeG | O alcalde e candidato á reelección, Alejandro Lorenzo, avanzou hoxe a incorporación á súa lista en postos de saída de Carlos Martínez Nogueira, Rosa Isabel Alonso Romero e Marcos Martínez Campos, que xunto co seu equipo actual completan os once corporativos cos que aspira conformar o próximo goberno municipal.

Lorenzo aposta así pola continuidade do seu equipo, reforzándoo con incorporacións de marcado perfil técnico que acentuarán a xestión municipal, todos eles persoas “que encaixan e aportan valor ao equipo, cunha gran capacidade de traballo e vocación de servizo”.

Carlos Martínez, quen se perfila como peza importante do próximo mandato pola súa experiencia na xestión municipal, ocupará o número 2. Martínez ten 54 anos e é natural da parroquia de Atios, aínda que a día de hoxe reside en Pontellas. Licenciado en Dereito leva décadas exercendo a avogacía no Porriño e conta cun gran coñecemento da administración local, pois foi concelleiro da corporación dúas lexislaturas, dende o 2011 ata 2019.

Na primeira delas como parte do equipo de goberno ao frente das áreas de Patrimonio, Servizos Xurídicos e Canteiras, na que levou ou peso da negociación que, en termos de licencias de actividade e organización, iniciou a regularización da actividade industrial das canteiras do Porriño. Na segunda, como voceiro do grupo municipal popular.

Outra novidade importante é Rosa Isabel Alonso, veciña da parroquia de Budiño, que se incorpora no número 7 da candidatura. Alonso, de 44 anos de idade desenvolve a súa carreira profesional no eido da contabilidade e a administración. Destaca pola súa implicación e compromiso social e forma parte como tesoureira da directiva da ANPA do CEIP Cruz Budiño.

Por último súmase Marcos Martínez, de 46 anos e veciño da parroquia de Cans que ocupará o número 11 da lista. Martínez desenvolveu a súa carreira profesional no sector da construción e conta cunha gran experiencia en obra pública. É Vicepresidente da AV Castelo de Cans e membro da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Cans. A súa implicación activa na vida cultural e social e a súa gran capacidade de traballo avalan a súa candidatura.

“Presentamos un equipo plural, capaz de responder ás necesidades da veciñanza e seguir gobernando O Porriño dende a responsabilidade e a sensibilidade. Un equipo capaz de seguir facendo unha política útil, que sirva aos porriñeseses e porriñesas”, apuntou Alejandro Lorenzo.

Lorenzo anticipou tamén que a candidatura completa que o acompaña presentarase oficialmente o vindeiro xoves 27 de abril nun acto que se celebrará no Pavillón Municipal de Deportes.