O Alcalde asegura que a oposición ten “elementos máis que suficientes para coñecer globalmente o PXOM”

Belén Villar e González Solla
O alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, negou hoxe rotundamente, que o Goberno Local dera orden de entregar documentos relacionados co PXOM ponteareá a calquera particular ou colectivo, tal e como asegura o grupo independente Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP).
O PXOM, explicou o alcalde, foi entregado no Concello polo equipo redactor, para ser revisado polos técnicos municipais que tiñan que informalo antes do seu envío á Xunta de Galicia, tal e como establece o procedemento que marca este tipo de tramitacións.
Salvador González Solla, quere lembrar aos concelleiros do grupo independente, que “en ningún caso a Xunta ditamina a aprobación inicial do plan, senón que simplemente informa e, unha vez de volta no Concello, é cando se comeza coa tramitación para a súa aprobación inicial polo Pleno”.
En todo caso non deixa de sorprender ao rexedor local, que por parte da oposición municipal se asegure descoñecer o documento xa que, afirma o titular da alcaldía de Ponteareas, “eles estiveron presentes en todas as reunión nas que se deu conta das pautas e obxectivos do Plan, os espazos verdes que contempla, as infraestruturas viarias, equipamentos industriais e zonas dotacionais” esa mesma documentación, engade González Solla, “é a que figura na memoria do Plan que os grupos da oposición posúen pero que algúns deles parecen non ter lido”.
En canto ás acusacións formuladas polo BNG, sobre o que o PP fixo nos últimos 30 anos en Urbanismo, Salvador González Solla, logo de sinalar que leva como alcalde dende xuño do 2004, afirma que ten moi claro “o que este PP quere para Ponteareas en materia de Urbanismo, que é un PXOM que recolla, como o fai este, a maioría das peticións veciñais e outros colectivos”.
A edificabilidade, continúa o Alcalde de Ponteareas, non será a que había noutras épocas. A Lei establece que, para os concellos de menos de 50.000 habitantes, a media en solos urbanos non consolidados é de 1m2/1m2 e unha edificabilidade media, para solos urbanizables de 0,85m2/m2.
González Solla remata asegurando que “os grupos políticos da oposición (coas reunións e coa copia da memoria do PXOM) teñen elementos e pautas máis que suficientes para obter un xuízo global do que o Plan supón para o municipio de Ponteareas”. Lamenta finalmente o alcalde, que algúns grupos busquen co Plan, “crear un clima de crispación entre a veciñanza” e reiterou, unha vez máis que o Grupo de Goberno está aberto a que, “unha vez que o Plan sexa devolto pola Xunta, se poidan incorporar todas aqueles cambios que se propoñan, sempre que supoñan un enriquecemento para o documento”.