
Ponteareas | O Concello de Ponteareas presentou hoxe o seu programa máis ambicioso para celebrar as “Festas de Setembro” 2026, deseñado para encher as rúas de música, tradición, gastronomía e deporte internacional. O momento máis agardado do arranque festivo terá lugar o venres, 4 de setembro, ás 21:00 h, coa lectura do pregón a cargo do popular actor e humorista Carlos Blanco desde a Casa do Concello. Este acto abrirá oficialmente un intenso calendario que destaca pola súa enorme variedade de actividades dirixidas a todos os públicos e idades.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou que “o gran valor de Setembro en Ponteareas é como conviven e se dan a man a nosa tradición máis viva —coa Feira dos Remedios, o Concurso de Gaitas ou os globos de San Miguel— coas propostas máis modernas e actuais”. É unha “axenda transversal deseñada para que todas as xeracións compartan un mesmo espazo público de festa”, sinalou o edil.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosouse moi orgullosa do traballo realizado para sacar adiante este programa. “Deseñamos unhas festas que reflicten o que é Ponteareas: unha vila acolledora, orgullosa das súas raíces e chea de vida. Contar con Carlos Blanco para o pregón é unha garantía de risas e talento galego para abrir uns días onde veciños e visitantes van atopar alternativas de lecer de primeiro nivel desde o primeiro ata o último día de mes”, declarou a rexedora.
Feira dos Remedios
Acompañando o pregón de Carlos Blanco, o primeiro fin de semana concentrará algunhas das citas máis emblemáticas de Ponteareas. O propio venres pola noite abriranse os postos enogastronómicos na Praza Bugallal e terá lugar, ás 12.00 h., o desfile de Xigantes e Cabezudos. Ás 17.00 h. Haberá un obradoiro de Chapas e maquillaxe infantil, coas festas como protagonistas, nos xardíns da Xiralda.
O sábado 5 celebrarase a XVIII Feira Tradicional dos Remedios -catalogada de Festa de Interese Turístico Galego- e o XXXIV Festival Folclórico do Condado, enchendo a vila de música tradicional e artesanía desde as 11:00 h, sumando ademais os espectáculos do Mago Teto e o Circo de Lume na Praza de Bugallal e a verbena na Praza Maior.
A gastronomía local terá o seu cumio o domingo, día 6 coa celebración da “X Festa de exaltación do pemento de Guláns”, no Parque da Avisoureira, a partir das 10:30 h. Tamén o deporte terá o seu protagonismo nesta primeira fin de semana de festas, coa disputa do “IV Torneo Internacional Festas de Setembro” de Hockey, que se desenvolverá no Pavillón Álvaro Pino, durante o sábado e o domingo, para as categorías de micros, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Ademais da presenza do anfitrión, nesta ocasión achegaránse ata Ponteareas un total de cinco equipos, chegados de diferentes puntos de España e Portugal.
O gran fito tradicional
Dentro da ampla programación musical, un dos grandes fitos destas festas será a actuación de “A Roda”, o sábado 19 de setembro ás 21:00 h. no Parque da Feira Vella, enmarcada no ciclo Xacobeo 2027. Cun legado incombustible de case medio século de historia, a mítica formación viguesa —un dos grupos máis históricos, influentes e queridos da música tradicional galega— fará vibrar a Ponteareas cos seus grandes himnos populares, consolidando o compromiso do concello coa posta en valor do patrimonio musical de Galicia. Esta xornada do 19 de setembro será un dos días grandes do folclore na vila, xa que coincidirá ademais coa ruada e a celebración do prestixioso “LVIII Concurso de Gaitas” de Ponteareas, no Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 17:00 h.
Dentro da actividade destacada dos fins de semana de setembro, cabe salientar tamén o “IV Encontro de Corais Ángel Viro”, que terá lugar domingo 13, ás 18:00 h. no Auditorio Reveriano Soutullo. Non menos importante é a nova edición, a segunda, dos “Premios Agustina Sarmiento- Ponteareáns/as Distinguidos/as do Ano”, que se entregarán o sábado 26, ás 20:00h no Auditorio Reveriano Soutullo, recoñecendo e poñendo en valor o talento, o compromiso, a solidariedade e a excelencia das persoas, entidades e colectivos vinculados ao municipio.
Música e deporte
Ademais dos eventos musicais xa mencionados e as tradicionais orquestras, cabe destacar a presenza de agrupacións folclóricas, como é o caso de “Tanto nos ten”, ás 22:00 h. do día 5 na Rúa Morales Hidalgo, ou a de a Asociación Cultural Folclórica “O Fiadeiro”, o sábado 12 ás 20:00 h. na Praza Bugallal. As bandas de música tamén terán o seu protagonismo, co ciclo “O Son do Tea”, que poñerá en valor o talento da Banda Reveriano Soutullo, a Banda Unión de Guláns e a Banda de Xinzo en diferentes xornadas de pasarrúas e concertos.
O deporte tamén terá un amplo protagonismo porque, ademais do torneo de Hockei, o ciclismo tamén estará presente na programación, coa celebración do “Gran Premio Festas de Setembro Borja Gómez Méndez”, organizado polo Club Ciclista Ponteareas e previsto para as 9:00 h. do día 13. A actividade deportiva complétase co novedoso Torneo de patinaxe “Vila do Corpus”, que se celebrará no complexo Deportivo Álvaro Pino, durante os días 19 e 20 de setembro.
Actos relixiosos
A tradición relixiosa e os actos solemnes celebraranse o martes 8 (misa e procesión coa Banda de Xinzo) e o martes 29, día no que se vivirá o esperado lanzamento de globos de San Miguel ás 13:30 h na Praza Bugallal, precedido por obradoiros previos os días 16 y 23 de setembro. Ademais dos desfiles de xigantes e cabezudos (venres 4 e domingo 27), os máis cativos contarán con obradoiros creativos, inchables nas inmediacións do Concello e o teatro musical “A historia de Martín”.




