O activismo toma as aulas galegas

A través da iniciativa "Arranca Activistas polo Mundo" para fomentar o espírito crítico na mocidade

Santiago de Compostela | Mañá martes dará comezo unha nova edición do proxecto de educación en valores “Activistas polo Mundo que Queremos” que busca xerar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBI en centros educativos das catro provincias galegas.

Nos seus 11 anos de historia o proxecto chegou xa a máis de 4800 mozos e mozas, a 276 profesores e profesoras e a 62 centros educativos, a os que se suman seis centros nesta nova edición.

Mañá arranca o proxecto no IES Plurilingüe Pedra da Aguia na Ponte do Porto en Camariñas e o mércores será a quenda do IES Campo de San Alberto en Noia. Nos vindeiros días incorporaránse tamén os centros IES Ramón Cabanillas de Cambados, o IES A Basella de Vilanova de Arousa, o IES O Couto da cidade de Ourense e o IES Lois Peña Novo de Vilalba.

Nesta primeira toma de contacto, os case catrocentos estudantes que participan este ano achegaranse a o concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por sete obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.

O percorrido didáctico que realizará o alumnado mestura a formación presencial coa online e establece as seguintes paradas:

– Parada 1 (presencial). Novembro. Que significa ser activista? Primeiro obradoiro para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e os conceptos cos que imos traballar.

– Parada 2 (presencial). Decembro. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas e as redes sociais dende unha perspectiva crítica.

– Parada 3 (virtual). Xaneiro. Os activismos. A rapazada achégase ás principais desigualdades (medioambiental, feminista, antirracista e LGTBI) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.

– Parada 4 (virtual). Febreiro. Guións radiofónicos. Creamos os guións para as nosas pezas radiofónicas, dedicadas a un dos catro activismos propostos.

– Parada 5 (presencial). Marzo. Obradoiro de radio. O alumnado crea o seu propio programa de radio de combate, que se grava de maneira conxunta na aula.

– Parada 6 (virtual). Abril. Outros contextos sociais. Coñecemos a loita de activistas procedentes doutras partes do mundo.

– Parada 7 (presencial). Abril. Encontros con activistas do Sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades tratadas co alumnado visitan os centros educativos e achegan os seus desafíos e as ferramentas empregadas para combatelos.

Estas sete paradas son froito da colaboración das catro entidades implicadas neste proxecto: As ONGDs Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a cooperativa Feitoría Verde, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartades esta información e acudades ás sesións presenciais.

Aquí vos deixamos as datas desta primeira sesión: Que significa ser unha persoa activista?

Martes,14 de novembro

IES Plurilingüe Pedra da Aguia ( Rúa Curros s/n, A Ponte do Porto, Camariñas)

· 10:45 a 12:25 (3ºB)

· 12:45 a 13:25 (3ºA)

Mércores, 15 de novembro

IES Campo de San Alberto ( Rúa Egas Moniz, 6, Noia)

· 4º ESO-A: 10.45h a 12.25h

· 4º ESO-B: 12.45h a 14.25h

Martes, 21 de noviembre

IES O Couto (Rúa Rampa de Sas, s/n, Ourense)

· 2ºA: 1ª e 2ª h

· 2ºB: 4ª e 5ª h

IES Ramón Cabanillas (Av. Rosalía de Castro, Cambados)

· 8:50-10:30 1ºESO B

· 10:30-12:10 1ºESO C

· 12:50-14:30 1ºESO A

Mércores, 22 de noviembre

IES A Basella (Av. Galicia, 3, Vilanova de Arousa)

· 9:30-10:40 (2ºC)

· 11:00-12:40 (2ºA)

· 13:00-14:20 (2ºB)

IES O Couto (Rúa Rampa de Sas, s/n, Ourense)

· 8:30-10:10 (2ºD)

· 11:50-14:00 (2ºC)

Martes, 28 de noviembre

IES Lois Peña Novo (Rúa Cuart de Poblet, s/n Vilalba)
De 11:45 a 13:25 1º e 2º de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.