Os gravísimos actos do pasado 2-S en Palencia transcenden a mera categoría de incidente illado. O acoso dirixido contra as integrantes do grupo Tanxugueiras constitúe unha vulneración flagrante das garantías democráticas máis elementais, como tamén as recorrentes persecucións das bandeiras soberanistas estrelada e estreleira en diversos estadios de fútbol -e as súas contornas- do Estado. Non estamos diante de simples disputas ideolóxicas, senón diante de manifestacións dunha derivación autoritaria que ataca directamente o núcleo duro do noso Estado de Dereito.
Dende unha perspectiva estritamente xurídica, cómpre lembrar que o artigo 20 da Constitución garante a liberdade de expresión e a creación artística como dereitos fundamentais de aplicación directa. Do mesmo xeito, a acción de amosarmos pacíficamente simboloxía política atópase plenamente abeirada pola xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que protexen mesmo o seu exercicio por aquelas opcións políticas que cuestionan o modelo de Estado establecido.
Que as forzas e corpos de seguridade actúen coercitivamente contra manifestacións simbólicas lexítimas supón unha gravísima desviación de poder, pois que a forza pública non está para protexer un modelo de homoxeneidade ideolóxica, senón para vixiar o exercicio efectivo das liberdades cidadás. Por outra banda, que non se protexa policialmente as liberdades de traballo e expresión das Tanxugueiras ou a liberdade de información de xornalistas varias amosa unha evidente falla de dirección política do Ministerio de Interior e de formación democrática nos mandos policiais atinxidos.
Diante destes feitos, a actitude do PPdeG resulta xuridicamente inasumíbel e politicamente irresponsábel. O silencio mantido polos populares galegos , ao evitaren unha condena expresa da actuación dos manifestantes da dereita extrema e da extrema dereita en Palencia, convérteos en cómplices por omisión gravísima, canda o seu Presidente, Alfonso Rueda e a súa Secretaria Xeral, Paula Prado.
As institucións deste País-coa Xunta e o seu Presidente á fronte-e as do Estado teñen o deber de neutralidade e a obriga positiva de protexer aos seus cidadáns e ás súas linguas, culturas e opinións fronte a calquera inxerencia ilexítima. A equidistancia institucional lexitima o abuso e debilita o marco de convivencia.
“O acoso ás Tanxugueiras constitúe (…) o síntoma evidente dunha ofensiva máis ampla contra a estrutura plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado que están a desenvolver PP e Vox”
O acoso ás Tanxugueiras constitúe, en último de contas, o síntoma evidente dunha ofensiva máis ampla contra a estrutura plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado que están a desenvolver PP e Vox consonte cos marcos sinalados polos extremistas autoritarios de Abascal. E, cando as institucións fallan na súa función garante, a lexitimidade democrática trasládase de xeito inevitábel á sociedade civil. Xa que logo, aos corpos sociais de Euskadi, Cataluña e Galicia, canda os dos demais pobos do Estado con identidade de seu, cúmprelles artellar unha resposta positiva e coordinada na defensa das nosas liberdades nacionais e culturais.
Velaí que sexa o tempo para que a cidadanía galega e os seus axentes sociais e organizacións cívicas lideren a mobilización na defensa do propio marco do Estado de Dereito que nos recoñece os dereitos á identidade, á diferenza, ao autogoberno e á afirmación e defensa dos nosos intereses nacionais. Fronte ao centralismo homoxeneizador, á regresión de dereitos e aos centos de milleiros que non saben nin queren vivir en democracia nin exercer as liberdades, a única vía posíbel é a afouteza na defensa xurídica, o orgullo na afirmación da nosa lingua e cultura e a acción colectiva en todos os espazos públicos e privados, a medio das ferramentas todas-nin unha soa menos- propias dunha democracia avanzada.





