Novo curso de autodefensa para mulleres en Ponteareas

Será de balde e impartirase do 28 de febreiro ao 2 de marzo

Ponteareas | O Concello de Ponteareas pon en marcha un novo curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, un taller que, como sinala a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, busca “dotar ás mulleres de ferramentas para defenderse ou previr estas situacións. Non se trata de ensinar a pelexar, senón de facilitarlles todos os instrumentos para que poidan saír ilesas ou co menor dano posíbel para despois empregar as vías legais de protección e denuncia”.

O curso impartirase de balde do 28 de febreiro ao 2 de marzo na sala multiúsos do auditorio municipal en horario de 10.00 a 14.00 horas. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse chamando ao teléfono do Centro de Información a Mulleres, o 986 644 653.

As e os formadores serán especialistas da Federación Galega de Loita e pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que realizarán un adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas con técnicas de autodefensa. O Concello de Ponteareas colabora con este curso organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través de fondos do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

Carrera convida a todas as mulleres interesadas a participar nesta iniciativa “que amosa a aposta do Goberno municipal por igualdade, non soamente con cursos de formación que amplíen o currículo das mulleres e lles facilite a incorporación ao mercado laboral, senón tamén ofrecendo ferramentas como as deste curso, que lles achega seguridade e independencia tanto física como psicolóxica”.