Novo contrato para subministro eléctrico en Ponteareas

O pleno aprobou a adxudicación do servizo e cancelou a débeda anterior

Ponteareas | Ponteareas adxudica a subministración do servizo eléctrico por un importe que ascende aos 825.000 euros. A duración do contrato é dun ano. Así o anunciou o concelleiro de Facenda, Francisco Represas, no pleno municipal no que, ademais, se aprobou o último tramo do plan de pagos que posibilita finalizar coa débeda contraída neste servizo durante o ano 2022.

Na cifra dos 825.000 euros, inclúese a custe de electricidade dos edificios que dependen da administración local así como do alumeado público. Ademais, a empresa adxudicataria deberá facer un exame exhaustivo sobre o consumo co obxectivo de mellorar as potencias das instalacións municipais. Esta tarefa deberá realizarse nos vindeiros días. Pola súa banda, o contrato inclúe a modernización do sistema de abono das facturas mediante a simplificación administrativa para que, deste xeito, se acorten os períodos de pago.

A alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “con esta licitación, velamos pola arcas municipais posto que o contrato permite o aforro de custos” e insistiu en que “isto foi posible grazas a que aprobamos os orzamentos en tempo e en forma, outorgando equilibro ás contas do Concello”.

Fin da débeda da subministración do servizo da luz
O pleno da corporación municipal aprobou (coa excepción da abstención de PC) a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito. O Concello salda así a débeda de 180.856 euros que o anterior executivo local acumulou durante o ano 2022, e ademais amortiza as cantidades pendentes no exercicio 2023.

Durante os próximos dous meses, a administración local abonará as últimas cotas do plan de pagos que ascenden a un total de 71.753 euros.

A alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “esta débeda produciuse por unha falta de previsión no orzamento dos anteriores anos en canto á estimación do custo real do alumeado público e da enerxía eléctrica, o que ocasionou graves prexuízos en todos os servizos municipais”. Indicou que “desde o inicio do presente mandato, decidiuse asinar un convenio entre o Concello e a empresa para acadar a regularización das cantidades económicas”.