Novo aparcadoiro e mobilidade peonil nos polígonos de A Casilla e As Gándaras no Porriño

O Concello licita as obras cun investimento de 303.818,69€ para a mellora das infraestruturas industriais

O Porriño | O Concello do Porriño acaba de sacar a licitación o proxecto de mellora integral dos viais e servizos básicos do Polígono Industrial A Casilla, en Atios. Unha importante obra cun orzamento de 153.842,69 euros que non só mellorará o viario desta contorna con novo aparcadoiro e zona de circulación peonil, senón que ademais actuará na rede de saneamento, abastecemento e alumeado público.

A esta actuación súmase unha obra de asfaltado no Polígono das Gándaras, cun investimento de 149.976,00 euros, destinada á mellora do firme e das condicións de circulación nos seus viais. En total, ambas actuacións supoñen un investimento de 303.818,69 euros para a mellora das infraestruturas industriais do municipio.

Así, o ámbito de actuación da primeira obra de mellora comprende dous viais que se emprazan dentro do Polígono Industrial A Casilla, actualmente con firme en mal estado, e, no caso do vial 2, sen recollida de augas pluviais e cunha rede de abastecemento en mal estado ou inexistente. Por iso a mellora inclúe, ademais da pavimentación, a renovación da condución de abastecemento e de saneamento de pluviais con novos sumidoiros e unha nova conexión coas tubaxes de PVC. Do mesmo xeito, na marxe de ambos os viais proxéctase unha canalización nova para a instalación do alumeado público.

“Os polígonos son o motor económico deste municipio, fonte de traballo, de innovación, de riqueza”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, lembrando que a industria supón o 50,1% do PIB municipal, a porcentaxe máis alta de Galicia con máis de 2.200 empresas activas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. Por iso a industria e os polígonos son tamén unha prioridade para o seu goberno.

O rexedor engadiu: “A nosa prioridade é facilitar a actividade económica. Por iso, os novos orzamentos non inclúen subas de taxas tampouco para as empresas e manteñen as bonificacións fiscais de ata o 95% para todas aquelas que decidan apostar polo Porriño para instalar os seus proxectos”. Para promover a implantación de novas empresas e o crecemento das que xa están instaladas, existen, de feito, bonificacións fiscais de ata o 95% nos impostos, sendo os máis baixos de Galicia. Tamén para promover a creación de emprego. “Apostamos pola nosa industria para seguir xerando emprego”, conclúe destacando que O Porriño é un concello emprendedor.

Esta obra conta cunha importante subvención de 120.000 euros concedida pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro da orde de axudas destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia. A contía restante, que ascende a 33.842,69 euros, será financiada con fondos propios municipais. Ten un prazo de execución de catro meses, unha vez estea adxudicada a obra que sae a licitación por vía de urxencia.

Do orzamento total do proxecto, a partida máis relevante correspóndese cos traballos de pavimentación e mellora dos firmes, aos que se destinan 59.468,77 euros. A esta cantidade súmanse 15.511,34 euros dedicados ás actuacións previas e demolicións indispensables, así como 15.058,33 euros destinados á renovación da rede de saneamento de augas pluviais.

Pola súa banda, a actuación no Polígono das Gándaras conta cun orzamento de 149.976 euros e permitirá renovar o firme dos viais, mellorando as condicións de circulación e o acceso ás empresas instaladas nesta área industrial. A obra conta cunha subvención de 119.980,80 euros por parte da Xunta de Galicia, ao abeiro do programa Mellora da Infraestrutura dos Parques Empresariais 2026. A contía restante de 29.995,20 euros será asumida mediante fondos municipais.

As obras por realizar consisten na mellora do firme, na sinalización horizontal e vertical e actuacións puntuais na drenaxe. A lonxitude da actuación é de 2.600 m, cunha anchura media de 7,5 m. Realízase a demolición e a parcheaxe en dúas zonas puntuais, o que supón unha superficie de 37 m². Esténdese unha capa de rodaxe nunha superficie de 10.164,9 m². Elevaranse dous pasos de peóns existentes nos PK 1+857 e 1+984. Execútanse catro novos sumidoiros, para evitar a acumulación de auga nos dous novos pasos de peóns elevados e noutros dous pasos de peóns elevados existentes que carecen deles. Por último, realizarase a sinalización horizontal e vertical.

Con estas dúas actuacións o Concello do Porriño reforza o seu compromiso co tecido coa mellora e modernización dos seus polígonos industriais, reforzando unhas infraestructuras fundamentais para o tecido comercial do Porriño e para seguir consolidando o municipio como un referente industrial e económico de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.