Movemento Salceda renova a súa Xunta Coordinadora

Javier Alonso é o novo Coordinador Xeral

Salceda de Caselas/Movemento Salceda | A Agrupación de Electores/as Movemento Salceda celebrou a súa Asemblea Ordinaria para renovar os seus cargos directivos. Este proceso lévase a cabo cada catro anos unha vez rematado o proceso electoral das eleccións municipais. Javier Alonso é o novo Coordinador Xeral de Movemento Salceda, un cargo que a Agrupación reserva sempre para persoas externas ao equipo de goberno.

Javier Alonso é unha persoa vinculada a Movemento Salceda dende hai anos, formando parte das listas electorais nas tres últimas convocatorias. O seu nomeamento complétase co de outras 17 persoas de diversos ámbitos e idades. Así, os concelleiros Marcos Troncoso e Álex Rodríguez, e a concelleira Selene González entran tamén nesta Xunta Coordinadora, amais de outras persoas que formaron parte dos anteriores gobernos como Lucía Pereira, Tere Pérez, Fortunato Álvarez, Miguel González, Carla Pérez ou o exalcalde Marcos Besada.

O anterior Coordinador Xeral, Enrique Besada, pasa a ocupar o posto de Vicecoordinador Xeral. Mantén Movemento Salceda a súa tradición de non incorporar á persoa que ostenta a Alcaldía na Xunta Coordinadora, neste caso Loli Castiñeira, que traballará da man de Javier Alonso. A Xunta Coordinadora complétase con persoas que formaron parte da última candidatura nas eleccións municipais de 2023.

Este equipo renóvase co obxectivo fundamental de servir como rede de apoio ao equipo
de goberno na xestión diaria da política municipal. Outro dos eixos de acción principais será o de intentar achegar posturas co resto de grupos municipais da esquerda en prol dunha gobernabilidade o máis estable posible ao longo de toda a lexislatura.

Javier Alonso: “Acollo este cargo coa intención de traballar man a man con Loli Castiñeira
e o seu equipo, e co firme convencemento de que é posible un entendemento coas forzas
progresistas do Concello. O diálogo permanente, a negociación e a apertura de miras serán os eixos fundamentais desta nova etapa”.

Loli Castiñeira: “É un orgullo contar con un equipo formado e capacitado, con xente de
tódolos eidos, mesturando a xuventude coa veteranía, e a experiencia coas novas ideas. Para min como Alcaldesa é un privilexio ter esta rede de traballo con xente que conta con toda a miña confianza”.