Mos esixe a reparación inmediata do derrube da A55

Durante a visita dos técnicos do Ministerio de Transportes

Mos | Na mañá deste luns, unha delegación encabezada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto cos concelleiros do goberno local Camilo Grandal, José Ramilo e Felisa Rodríguez, e o arquitecto municipal Ramón Vega, visitaron o terraplén colapsado na autovía A55. Nesta visita tamén participaron técnicos da Unidade de Estradas do Ministerio de Transportes e Mobilidade, responsables da empresa concesionaria do mantemento, e veciños das vivendas afectadas pola incidencia.

A visita realizouse co obxectivo de avaliar in situ os danos provocados polo desprendemento de terras ocorrido días atrás e coordinar a actuación inmediata para garantir a seguridade viaria e a protección das vivendas situadas na zona do desprendemento. A enxeñeira Yolanda Fernández, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, estivo presente na inspección técnica, acompañada pola responsable da empresa de mantemento e conservación da autovía.

Durante a visita, os técnicos realizaron unha revisión visual da zona afectada e recolleron datos sobre as características xeolóxicas do terreo, a vexetación, os sistemas de regadío e as condicións meteorolóxicas recentes que puideron influír na inestabilidade da zona. A alcaldesa Nidia Arévalo expresou a súa enorme preocupación pola seguridade da veciñanza e destacou que “toda a administración municipal está a coordinarse co Ministerio e coa empresa de mantemento para conseguir unha resposta rápida e eficiente. Os veciños son a nosa prioridade en materia de seguridade”.

Alcaldesa e concelleiros esixiron ao persoal de Fomento que as medidas preventivas que se van adoptar nesta actuación se estendan a outras zonas da A55 con características similares, para evitar novos incidentes no futuro.
Os veciños presentes manifestaron o seu malestar e preocupación polos riscos derivados do desprendemento e polo impacto que esta situación ten na súa vida diaria. Agradeceron a presenza das autoridades e solicitaron actualizacións periódicas sobre os traballos e as medidas de seguridade.

Esta nova inspección, forma parte des reclamacións continuas do Concello de Mos ao Ministerio para abordar tanto este incidente puntual, como a falta de mantemento das vías estatais do Ministerio ao seu paso por todo o termo municipal mosense, para o que se precisa un compromiso firme do gobernó do estado para aportar solución canto antes e previr futuros incidentes mediante actuacións técnicas adecuadas.

Campaña de prevención de incendios
O Concello de Mos porá en marcha a vindeira semana a campaña estival de limpeza, coa que se acometerán traballos intensivos en camiños, beirarrúas, zonas verdes, parques e xardíns das dez parroquias do municipio. Este ano, a campaña contará cun reforzo notable no número de persoal, cun total de 18 traballadores que permitirán chegar de forma máis eficaz a toda a rede viaria e espazos públicos de Mos.

En concreto, para as Brigadas de limpeza de camiños destinaranse 10 operarios, mentres que para a limpeza de zonas verdes, parques e xardíns estarán adicados 3 traballadores. Ademais, o programa Aprol Rural achega 3 efectivos máis que contribuirán á vixilancia, mantemento e protección do medio natural e zonas verdes en condicións adecuadas de seguridade, actuando na prevención de incendios forestais coa limpeza de zonas sensibles.

Por outra banda o Concello de Mos ven de asinar un convenio coa Consellería de Medio Rural, grazas ao cal 2 condutores de vehículo motobomba prestarán os seus servizos na prevención de incendios durante os 3 meses de verán. Como complemento a esta campaña, esta actual semana comezou a renovación e plantación de novos elementos naturais de tempada nos xardíns e espazos públicos municipais.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a importancia desta campaña estival: “Trátase dun servizo moi necesario e imprescindible para que Mos estea en estado correcto, tanto dende o punto de vista do mantemento diario como da imaxe que ofrece aos seus veciños e visitantes». A rexedora incidiu en que «o obxectivo é chegar ás dez parroquias do concello, actuando en todos aqueles puntos que precisan dunha posta a punto de cara ao verán”. As actuacións previstas incluirán a roza de cunetas e camiños, a limpeza de maleza en zonas verdes e a posta a punto dos parques e xardíns, garantindo así a seguridade viaria e a boa conservación dos espazos públicos. Estes traballos contribuirán a previr incendios forestais, especialmente importantes nesta época do ano.

O Concello de Mos agradece a colaboración cidadá e solicita comprensión polos posibles inconvenientes que poidan derivarse destes traballos, lembrando que son actuacións fundamentais para mellorar a calidade de vida no municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.