Mos apoia aos traballadores de Faurecia

Aprobada por unanimidade a moción conxunta da Corporación Municipal

Mos | O Pleno de Mos aprobou onte por unanimidade a moción conxunta de toda a Corporación Municipal de apoio a Madera Fiber Technologies (antiga Faurecia Interior System) ante a presenza, no Pazo de Mos, dun grupo de traballadores afectados que, a través dunha representante dos mesmos, Marta Méndez Senlle, fixo lectura da devandita moción que se someteu a votación.

Dende o comité de empresa de Madera Fiber Technologies Porriño púxose en coñecemento da Inspección de Traballo a cesión ilegal dos seus postos de traballo, sinalando que Faurecia segue a ser o seu cliente principal, e que polo tanto os máis de 100 postos de traballo cedidos de Faurecia Interior Systems de O Porriño (agora Maderas Fiber Technologies) a un fondo voitre fíxose de forma fraudulenta, feito xa constatado pola propia Inspección de Traballo, que indica que existe unha posible cesión ilegal deses postos de traballo, e así se transmite ao Xulgado do Social nº 7 de Vigo.

Ademais no concello de Mos hai 6 familias veciñas afectadas por esta situación, ademais dos empregos indirectos (por exemplo limpadoras de FADEMGA, centro das Escravas da Virxe Dolorosa) que ven como dun xeito tan sinxelo se pode desmantelar unha unidade produtiva deixando sen expectativas a moitas familias.

É por elo que dende o comité de empresa solicitaron implicación das distintas administracións públicas, entre elas a administración local mosense, para tentar darlle viabilidade á empresa e darlle continuidade aos seus postos de traballo. Así foi como se decidiu presentar a moción conxunta da Corporación Municipal mediante a que se aprobou por unanimidade a adopción dos seguintes acordos:

1. Apoio ás familias afectadas por esta situación, concretamente ás familias veciñas deste Concello.

2. Instar á Xunta da Galicia, Consellería de Economía, Industria e Innovación, IGAPE, e todas as administracións que dalgún xeito poidan mediar neste conflito, para poder buscar unha solución que pase por manter os postos de traballo.

3. Buscar inversores que intercedan para poder darlle viabilidade a unidade produtiva do Porriño.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, xa se reunira a principios deste mes co Comité de Empresa e e adquirira o compromiso de intermediar ante as administracións supramunicipais para poñer en marcha todos os instrumentos posibles que permitan manter os devanditos postos de traballo.

Arévalo, na xuntanza celebrada o pasado día 4 do presente no salón de sesións do Concello, co Comité de Empresa de Madera Fiber Technologies ex Faurecia Interior Systems, xa lles manifestara o total apoio da administración local mosense na problemática laboral que comezou no 2021 e vénse agravando desde principios do presente ano 2023.

O Comité de Empresa reuniuse xa tamén coa conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

A situación de Faurecia Porriño pon en perigo centos de empregos na comarca e, entre eles, moitos traballadores e traballadoras veciños do Concello de Mos.

En xullo do ano 2021 o Grupo Faurecia comunica ao Comité de Empresa a venta da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, venta que culminou coa toma do control da fábrica de Faurecia Porriño por parte dos novos propietarios o 1 de xaneiro de 2022. Os representantes do Comité de Empresa declaran a este respecto que “a realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, adicáronse a descapitalizar a planta, chegando incluso a vender os terreos”.

En febreiro de 2023 Callista Private Equity abandona a antiga planta de Faurecia Porriño cedendo os activos a unha empresa Rumana xestionada polo Sr. Rüdiger Wisser, que deixa claro dende o primeiro momento que non vai investir nin ten interese en xestionar a actividade, -segundo explican os traballadores- e o pasado xoves día 14 de setembro se anuncia aos traballadores por parte dos seus avogados, que se acababa de presentar un concurso de acredores.

Así, o Comité de Empresa lamenta que “nesta trama non podemos perder de vista que o principal cliente foi e segue a ser Faurecia, precisamente o que iniciou este proceso que vai deixar a máis de 100 familias sen emprego. Trátase dunha manobra na que unha multinacional pode pechar un centro de traballo dunha forma sinxela, para evadir desprestixio e responsabilidades económicas, e se o fai FAURECIA – FORVIA o poderá facer calquera auxiliar da automoción que pertenza a unha gran multinacional”.

O Comité de Empresa de Faurecia xa mantivo no pasado reunións co IGAPE e coa Inspección de Traballo para alertar da situación que se estaba a producir.

Desde Mos tentarase agora poñer en marcha todos os instrumentos posibles que teña a administración para buscar uns inversores serios, e poder manter os postos de traballo. Mediación neste conflito laboral, imprescindible para poder atopar unha solución para manter oa máis de 100 postos de traballo que están en xogo e en risco.

Aprobada ordenanza municipal de Medio Ambiente
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos aprobou onte coa maioría dos votos a favor a modificación da Ordenanza municipal de Medio Ambiente que regulará durante os meses de xuño a setembro o horario para desbotar o lixo nos colectores, evitando así os malos cheiros nos mesmos.

A medida proposta desde a concellería de Medio Ambiente foi apoiada polos votos favorables do grupo de goberno e polo PSOE, e obtivo os votos en contra do BNG.

A concelleira de Medio Ambiente mosense, Laura Méndez, explicou que esta modificación da Ordenanza de Medio Ambiente en materia de recollida de lixo pretende regular o horario do depósito de desperdicios nos contedores por parte da veciñanza, en aras de evitar acumulación e xeración de malos olores. A regulación establecerase tan só nos meses estivais e/ou de máis altas temperaturas, de xuño a setembro (ambos incluídos), durante os que o lixo dos contedores deberá desbotarse en horario de 20.00 horas da tarde a 05.00 horas da mañá.

Así mesmo a edil Méndez Senlle informou de que serán emitidos bandos que informen en detalle da medida, coas puntualizacións necesarias e concretas en función das zonas; pois nas zonas urbanas o servizo de recollida pasa 6 dos 7 días da semana, e nas rurais, 3 días á semana. En cada parroquia informarase dos días de recollida, para que a veciñanza deposite a basura o día anterior a que pase o camión do servizo municipal de recollida de lixo.

Nos bandos estableceranse e especificaranse tamén os contedores aos que afectará a regulación horaria, prevista en principio para os verdes de fracción resto e marróns de fracción orgánica, que son os que producen cheiros, non afectando aos colectores de reciclaxe: azul de papel e cartón, amarelo de envases nin verde de vidro.

Detalles da modificación da Ordenanza
Esta modificación da Ordenanza municipal de medioambiente que concierne á modificación do artigo 187 ten que ver coa regulación horaria do depósito do lixo no contedor.

Así “estipularase un horario delimitado, co fin de evitar a acumulación de lixo que provoca malos cheiros durante as horas centrais do día coincidente coas cada vez máis elevadas temperaturas, recollendo unha reiterada demanda exposta polos veciños e veciñas, de zonas urbanas pero tamén do rural. Esta medida quérese englobar dentro dun ambicioso plan de comunicación que se vai a levar a cabo desde o Concello en colaboración coa empresa que xestiona a recollida de lixos pois, é a nosa obriga transmitir aos veciños as mensaxes e a concienciación que resulten precisos para alcanzar os obxectivos ademais de establecer os criterios, normas e mecanismos de funcionamento”, declarou Méndez Senlle.

Os obxectivos desta medida son:
• Mellorar os hábitos e a redución da producción.
• A potenciación da recollida selectiva.
• O emprego dos servizos municipais de recollida de voluminosos.
• E por último o uso responsable dos contedores.
“Para iso faise necesaria a corrección de determinados comportamentos de veciños e veciñas, esixe un cambio de mentalidade e dos costumes, así como unha participación activa dos mesmos, para o que deben estar perfectamente informados dos servizos existentes e o modo de utilizalos, en fin, trátase de fomentar o uso racional e cívico dos nosos servizos comúns en pos dun Mos más sostible, humano e limpo”, concluiu a concelleira.

Xestión de biorresiduos
Laura Méndez informou, así mesmo, da creación no orzamento de 2024 dunha partida para a xestión de biorresiduos. Xestión de biorresiduos que se levará a cabo mediante a instalación de contedores de fracción orgánica a ubicar nas zonas urbanas de Mos e composteiros para a distribuír entre a veciñanza das zonas rurais da localidade.

Todo elo irá acompañado dunha campaña de comunicación, divulgativa, didáctica e de concienciación, para o correcto uso do novo material, así como a sensibilización coa redución de residuos e o aumento da reciclaxe, o uso consciente e responsable dos recursos, e a responsabilidade cidadá tanto en materia medioambiental como de civismo e convivencia. Por último a edil destaca que no orzamento municipal para o vindeiro ano 2024 entre Sogama e o Servizo de Recollida de Lixo acádase o 1,5 millóns de euros de gasto, cifra histórica que vén a demostrar, unha vez máis, a aposta decidida do Concello de Mos polo coidado medioambiental da súa contorna e a xestión adecuada dos residuos.