Morre Fraga

Falece ós 89 anos Manuel Fraga Iribarne, nado o 23 de novembro de 1922 en Vilalba

Manuel Fraga Iribarne
Foi Presidente da Xunta de Galicia dende o 5 de febreiro de 1990 ata o 29 de xullo do 2005. Estudou dereito nas universidades de Santiago de Compostela e na Complutense de Madrid, licenciouse en 1944.
En 1953 ocupou a secretaría xeral do Consello Nacional de Educación e o ano seguinte a secretaría xeral técnica no Ministerio de Educación Nacional.
En 1956 é subdirector do Instituto de Estudos Políticos, onde deu cursos nos que se teorizaba sobre unha reforma política progresiva do réxime.
En 1945 ingresou por oposición co número un da súa promoción, no corpo de Letrados das Cortes Españolas. En 1947 ingresa, tamén co número un, na Escola Diplomática. Con vinte e cinco anos casou con Carmen Estévez Eguiagaray e acadou a cátedra de Dereito Político na Universidade de Valencia. En 1953 foi nomeado catedrático de Teoría do estado e Dereito Constitucional da Facultade de Ciencias políticas e Económicas da Universidade Complutense de Madrid. En 1957 foi nomeado Procurador en Cortes, Conselleiro Nacional, membro do Consello de Estado e Delegado Nacional de Asociacións.
En xullo de 1962 é nomeado ministro de Información e Turismo. Nese posto vai relanzar o turismo co slogan de Spain is different! e cunha importante labor de relanzamento da rede de Paradores. En 1966 presenta unha lei de prensa coñecida como Lei Fraga, que pretendía ser unha apertura do réxime eliminando a censura previa. Tamén nese mesmo ano, para disipar os temores tras un accidente nuclear, báñase na praia onde un avión estadounidense deixara caer catro bombas de hidróxeno, tres en terra e unha no mar (coñecido como o baño de Palomares).
En 1967 encárgase da Lei de Liberdade Relixiosa que supón un tímido avance na permisividade de cultos distintos do oficial.
Cando estala o caso Matesa, onde os tecnócratas do Opus Dei aparecen implicados nunha trama de corrupción, Fraga como Ministro portavoz procura dar publicidade ao asunto buscando desprazar a este sector nacente baixo as ás de Carrero Blanco. Franco cesa tanto aos responsables da trama como ao propio Fraga por aireala ante a opinión pública. Abandona temporalmente a política ocupando o posto de director xeral da fábrica de cervexas El Águila.
En 1973, é nomeado embaixador en Londres ata 1975.
En decembro de 1975, finado Franco, foi nomeado Vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación do primeiro goberno da monarquía, a súa actuación durante os sucesos de Montejurra 1976 foi moi discutida polas forzas políticas democráticas. O mesmo ocorrera nos sucesos de Vitoria (marzo, 1976) onde a policía matou a 5 obreiros e feriu a máis de 100 persoas. Estes acontecementos escureceron a súa sona de reformista.
Como responsable de Gobernación, permitiu a celebración do XXX Congreso de UXT, na que Nicolás Redondo foi elixido secretario xeral. Mantivo reunións coa xeración nova de líderes do PSOE, buscando ir deixando espazos para unha socialismo democrático. Apoiou unha primeira, pero reducida, amnistía. O 19 de xuño de 1976, o afamado periodista Cyrus Sulzberger publica no New York Times que Fraga lle manifestou que haberá que legalizar o Partido Comunista tras unhas primeiras eleccións democráticas. Os inmobilistas comezan a agarrarse ao anticomunismo para debilitalo dentro do Goberno.
As desordes da rúa e o inmobilismo do presidente Arias Navarro propiciaron un triste final para o primeiro Goberno da Monarquía restaurada. O rei nomeaba a Adolfo Suárez, o que supuña a súa saída do Goberno.
A transición á democracia
En 1976 funda Reforma Democrática partidaria de avanzar cara un sistema democrático e de autonomías rexionais sen unha ruptura coa legalidade vixente.
Fundou, en 1977, o grupo político de Alianza Popular (AP), onde se incorporan persoeiros do réxime franquista dispostos a aceptar unha transición cara a un sistema de liberdades consonte ós modelos políticos occidentais fundados na propiedade privada, a economía de mercado e os valores tradicionais que vían ameazados polas forzas emerxentes da esquerda marxista; será núcleo do actual Partido Popular (PP). A decisión de Adolfo Suárez de liderar dende o Goberno unha forza con vocación centrista UCD desprazaría a Alianza Popular a posicións máis á dereita e provocarían os seus discretos primeiros resultados electorais (só 16 deputados e un 8,2% dos votos). Tentando superar o lastre de vellos franquistas refuxiados en AP, realiza xestos soados como a presentación do líder comunista Santiago Carrillo no significado Club Siglo XXI o 27 de outubro. No acto fala da necesidade de superar liñas divisorias pasadas en aras de serviren a unha mellor convivencia entre os españois.
En 1978 apróbase a Constitución Española, a pesar de que Manuel Fraga foi un dos seus redactores, opúxose, nos traballos da Ponencia, a partes significativas do texto coma o referente á expresión nacionalidades no artigo 2, e algunhas indeterminacións do Título VIII sobre o proceso autonómico, que quedaba, segundo el, permanentemente aberto. Malia as resistencias dos sectores máis duros de AP, defendeu o voto afirmativo no referendo constitucional.
Nas primeiras eleccións democráticas non vai ter moito éxito quedándose con só 9 deputados. En Galicia, ensaia con Xerardo Fernández Albor e Xosé Luís Barreiro Rivas unha nova mensaxe adaptada ao nacente Estado das Autonomías, captando persoeiros da dereita galeguista e conseguindo a vitoria nas primeiras eleccións ao Parlamento da Comunidade Autónoma. Xa no proceso estatutario, autorizara a participación de AP no consensuado e avanzado Estatuto dos dezaseis e habilmente, mantivérase á marxe dos intentos da UCD estatal de amputar o texto estatutario galego.
Líder da oposición
Foi en Galicia onde unha renovada AP demostrou que podía desprazar a unha cada vez máis dividida UCD. A crise desta forza gobernamental permitíalle converterse en 1982 na cabeza da segunda forza política de España e pasar a ser considerado xefe da oposición. Pasou de 9 a 106 deputados mediante unha coalición (Coalición Popular) con forzas de centro liberais (UL) e democristiás (PDP).
Realiza unha política conservadora pero leal cos Gobernos de Felipe González ofrecendo consenso nos grandes temas de Estado.
Protagonizou, porén, algún desmarque significativo como a petición de abstención no referendo que propiciou a entrada de España na OTAN. Sendo incapaz de superar o seu propio teito electoral, en 1986, deixa o cargo de presidente de AP a Miguel Herrero e Rodríguez de Miñón. En 1987 foi elixido deputado no Parlamento europeo onde permanece ata 1989.
Tras os fracasos do novo líder de AP, Hernández Mancha, lidera un congreso de refundación de AP, que pasa a ser o Partido Popular buscando o espectro centrista do electorado cunha mensaxe liberal e democristiá. Designa como sucesor e futuro candidato á Presidencia do Goberno ao Presidente de Castela e León José María Aznar.
Presidente da Xunta
En 1989 decide presentarse ás eleccións ao Parlamento galego en coalición cunha forza nacionalista moderada (Centristas de Galicia). Ofrece un programa aberto ao galeguismo e presenta unha mensaxe de recuperación da dignidade da autonomía galega nun momento en que gobernaba un tripartito (PSOE, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego) froito dunha moción de censura. Foi elixido Presidente da Xunta de Galicia por maioría absoluta. En 1993 volve gaña-las eleccións autonómicas, ampliando a maioría absoluta ao fronte de PPdeG. En 1997 acada a súa terceira maioría absoluta para presidir outros catro anos a Xunta de Galicia. No 2001, acada a súa derradeira maioría absoluta.
Fraga exerce un forte liderado durante 14 anos. Defende a identidade cultural galega dentro de España a través da súa idea da autoidentificación que opón á de autodeterminación. Propugna un autonomismo avanzado coa súa proposta de administración única, inspirada en técnicas político-administrativas propias do federalismo de execución.
Foi unha etapa na que o Partido Popular tivo unha acusada personalidade propia en Galicia que chegaba a todos os intersticios da sociedade galega. O seu reverso político foi o líder nacionalista Xosé Manuel Beiras Torrado con quen sostivo memorables enfrontamentos políticos e un curto período de entendemento.
Manuel Fraga foi un dos presidentes autonómicos pioneiros en desenvolver unha activa política exterior, algo que se cría vedado para as comunidades autónomas en función da competencia exclusiva do Estado central en materia de relacións internacionais. Foron polémicas as súas boas relacións con Fidel Castro.
Constribuíu á mutuación do espectro político galego. A súa retórica galeguista e as redes locais de poder fixeron desparecer a Coalición Galega e o nacionalismo de centro. Aumentar ao 5% a barreira electoral acabou aglutinando ao nacionalismo de esquerdas en torno ao BNG, que chegou a ser, nas súas últimas lexislaturas, a segunda forza política en Galicia.
Prestige e consecuencias
Como consecuencia do afundimento do petroleiro Prestige nas costas galegas a finais do 2002, desatouse unha división no seu goberno entre os que demandaban maior reivindicación cara a un pasivo Goberno de José María Aznar e os que optaban pola sumisión. Aznar acabou impoñendo a saída da Xunta do seu delfín Xosé Cuíña, ofrecendo a cambio un Plan de Infraestruturas denominado Plan Galicia.
Nas eleccións de 2005, sendo xa un dos mandatarios máis ancians do mundo, volveu a gañar por ampla marxe sobre o segundo partido pero quedouse a un escano da maioría absoluta. O acordo de reparto do poder entre o PSOE e un BNG en franco retroceso, desaloxouno do Goberno.
Autor de máis de 87 libros en castelán e 2 en galego.
Tralas eleccións ao Parlamento de Galicia do 19 de xuño de 2005, abandona o Goberno da Xunta, ao perde-la maioría pola estreita marxe dun escano de diferenza. O goberno da Xunta será ocupado polo PSdeG e máis o BNG.
O 7 de febreiro de 2006 o Parlamento Galego elíxeo senador.
Fraga tivo na última etapa unha posición propia con eco por si mesma dentro do Partido que fundou. En marzo de 2008 foi designado senador polo Parlamento de Galicia cos votos a favor do Bloque Nacionalista Galego e o PSOE e a abstención do Partido Popular.

Biografia tomada da GALIPEDIA