Mondariz recibe 400.000€ para reformar o campo de fútbol da Lagoa

Convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra

Mondariz | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a tenente de alcalde de Mondariz, Elena Naveira, asinaron este xoves un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 400.000 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na Lagoa.

O Concello, pola súa banda, achega o 15 % do total, preto de 75.000 euros. O protocolo asinouse este xoves no Pazo Provincial, nun acto no que Luis López reafirmou o compromiso do goberno provincial coa mellora das instalacións deportivas en todo o territorio pontevedrés.

A obra, valorada en preto de medio millón de euros, servirá para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na zona norte do complexo deportivo da Lagoa, no termo municipal de Mondariz.

O proxecto baséase en cinco actuacións concretas centradas, en primeiro lugar, na substitución do pavimento actual de céspede artificial, así mesmo a construción de dúas pistas exteriores: unha de pádel e outra de baloncesto; procederase tamén á urbanización da contorna destas pistas coa instalación dunha zona de tenis de mesa, a mellora dos accesos e a implantación dunha zona verde. Do mesmo xeito, está proxectada a instalación baixo a bancada dun espazo para aulas deportivas e almacéns, así como paneis fotovoltaicos para o subministro eléctrico.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Mondariz realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

O presidente Luis López sinalou que este acordo de colaboración se trata dunha nova mostra do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación e un novo paso cara acadar o obxectivo de modernizar as instalacións deportivas da provincia, que serán máis modernas e eficientes enerxeticamente.