Mondariz reafírmase na súa aposta polo aforro enerxético nos edificios públicos

A Deputación de Pontevedra comunicou ao Concello a concesión dunha axuda europea de fondos FEDER para a instalación dunha caldeira de biomasa no Centro Social

Mondariz | O Centro Social de Mondariz contará, en breve, cunha caldeira de biomasa que permitirá substituír a antiga caldeira por un sistema medioambientalmente sustentable e que permite un maior aforro enerxético.
A instalación desta caldeira de biomasa será posible logo de que a Deputación de Pontevedra comunicara ao concello que preside Xoán Carlos Montes Bugarín, a concesión dunha axuda de fondos europeos FEDER que cubrirá o 80 por cento dos preto de 72.000 euros que custa a instalación (71.902,85 €).

Deste investimento global, os Fondos FEDER achegan 55.552,28 €, sendo o resto achegado a partes iguais entre o propio Concello de Mondariz e a Deputación de Pontevedra con senllas achegas de 7.190,29 €.
Coa instalación deste sistema de calefacción, o Concello de Mondariz reafirmase na súa aposta por sistemas que contribúan non só a un maior aforro enerxético, senón a unha mellora substancial do medio ambiente.
De feito, o Concello de Mondariz xa instalara un sistema de calefacción de biomasa na escola de Lougares.
A instalación deste sistema de calefacción no Centro Social fíxose ao abeiro da convocatoria de axudas do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) no marco operativo FEDER para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono.