Mondariz leva a cabo o saneamento de Souto Baixo

Mondariz | O Goberno local de Mondariz da conta dos traballos de saneamento que se están facer no barrio do Souto Baixo, na parroquia de Mondariz que permitirán a conexión a preto de 20 vivendas, unha vez que se teñan as autorizacións pertinentes.

Para as obras está sendo preciso a instalación de máis dun quilómetro (1.046 metros) de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro e dotarase a rede dun total de 46 pozos de rexistro.

Unha vez rematadas as obras, a zona quedará asfaltada nunha extensión de máis de 1.500 metros cadrados, de tal xeito que estará en perfectas condicións para uso da veciñanza.

 

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, salientou a importancia destas obras xa que, sinalou, “o saneamento e o abastecemento de auga, son servizos básicos para as veciñas e veciños” e nese sentido, apuntaba o rexedor municipal, “o Goberno local de AporM, non escatimará esforzos para desenvolver a prestación destes servizos que contribúen a unha notable mellora da calidade de vida dos cidadáns”.