
Un xornalista do Díario de Pontevedra (7 de xullo de 1885) que acompañaba aos liberais en viaxe de propaganda política, comentou que pasaran por Ponteareas, “porque el Sr.Bugallal nos permitío el paso, pues pudo levantar el rastrillo,colocar sus fuerzas en las almenas de su torreón y tratarnos como habitantes del llano”, e engadía mais adiante referíndose ao momento de entrar en Mondariz: “Ya hemos pasado el dominio del Sr. Bugallal y hemos entrado en el del Sr. Peinador. Podemos,pues,respirar”.
De cada un dos Peinador escribíronse senllas biografías que reafirman as rexas personalidades das tres xeracións. O profesor Xosé Barreiro Fernández publicou unha densa biografía de Peinador Vela, (“Murguía y Mondariz”), fundador da saga familiar, desde o seu nacemento ata o falecemento en 1917. Ricardo Gurriarán publicou “Enrique Peinador Lines e Mondariz.Empresa, Turismo e País, editada polo Foro E. Peinador. Recentemente Edicións Laiovento publicou a terceira, “Un demócrata fronte á barbarie fascista. Vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa, republicano galeguista (1902-1940)”, de Francisco Xavier Redondo Abal, que non puido ver lamentablemente editada a obra por falacer meses antes.
Con estas tres achegas bibliográficas queda historiada unha ideoloxía desta familia con perfís ben definidos. Se Peinador Vela foi un entusiasta rexionalista, o seu fillo foi un nacionalista activo, militante cualificado do Partido Galeguista a quen financiou e servíu sen desmaio. Filántropo e mecenas entusiasta de cantas iniciativas galeguistas se produciron antes e durante a II República. O seu éxito empresarial ao fronte da dirección da embotelladora das augas mineromedicinais e o complexo hoteleiro de Mondariz, foi tan exitosa que acadou proxección alén das nosas fronteiras. As rendas da súa solvencia economica púxoas ao servizo da cultura galega.
“Se Peinador Vela foi un entusiasta rexionalista, o seu fillo foi un nacionalista activo, militante cualificado do Partido Galeguista”
Financiou institucións que na altura eran o Seminario de Estudos Galegos, Real Academia Galega e a revista “Nós”, publicación esta interrompida durante ano e medio por falta de recursos económicos que sufragou ata a edición do derradeiro número. Os cadros sobre os cegos pintados por Castelao foi un encargo que lle fixo Peinador Lines nun momento de agobios económicos do rianxeiro. O Partido Galeguista encomendoulle tarefas de difícil e delicada execución, por esta razón era coñecido como o “cónsul do galeguismo”. En xullo de 1936 viaxou a Madrid para entregar en sede parlamentaria o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia. A el débeselle a mediación cos gobernantes republicanos que puxeron fin aos castigos con desterros de Castelao e Alexandre Bóveda. A súa participación foi constante en todos os cónclaves galeguistas que celebraron naqueles anos.

O día 20 do mes de xuño de 1940 morría en Vigo, nun modesto piso da rúa Cuba,despois de sérenlles expropiadas polo réxime franquista todas as súas propiedades como tamén fixeran coas de Portela Valladares e Casares Quiroga. Coñecín e falei co señor que sendo neno vivíu con el; cando lle preguntei sobre as causas do seu falecemento díxome: “o fusilamento do seu fillo en Madrid en abril de 1940 provocoulle un desgusto mortal, e apareceu moto na súa cama unha mañá”. Enrique Peinador Porrúa, exercera a profesión de avogado-fiscal en Madrid. Foi militante de Izquierda Republicana e das Milicias Galegas, organzación que non foi capaz de facerlle fronte ás forzas sublevadas na ofensiva desatada para conquistar Madrid. Foi detido, procesado e fusilado poucos días despois. En Galicia participara nos mítines pro-Estatuto de Autonomía.
No ano 2004 a Corporación municipal de Mondariz a proposta do Foro E. Peinador declarou a Peinador Lines Fillo Predilecto co escandaloso voto en contra do Bloque Nacionalista Galego. Agora, 86 anos despois da súa morte ocorrida o 20 de xuño de 1940 e o fusilamento do seu fillo meses antes, o 27 de abril, o BNG ten unha oportunidade para declarar Fillo Adoptivo do Concello a Enrique Peinador Porrúa, demostrando así a adhesión aos princpios da Lei da Memoria Histórica, reparando o lamentable veto á declaración da honra de Fillo Predilecto para o seu pai.
Xosé González Martíne. Presidente do Foro E. Peinador.





