Mondariz-Balneario abre os Debates Preelectorais de Foro A Peneira-Radionove.gal

Moderados polo director do xornal Guillermo Rodríguez

Mondariz Balneario | O Concello de Mondariz-Balneario foi o encargado de inagurar este 27 de marzo os Debates Preelectorais organizados e moderados por Guillermo Rodríguez Fernández, director do xornal Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico, contando coa colaboración de Radionove.gal, emisora radial de Ponteareas con difusión no Condado-Paradanta, dial 90.3

Os Debates Preelectorais permitirán coñecer os programas electorais de cada un dos candidato/as de trece Concellos pertencentes ás Comarcas de Condado-Paradanta así como do Concello de Salceda de Caselas, na Louriña. Co inicio este 27 de marzo de Mondariz-Balneario, o calendario continúa este 28 de marzo con Crecente; O Covelo (3 de abril); Arbo (4 de abril); As Neves (10 de abril); Mondariz (11 de abril); A Cañiza (17 de abril); Salceda de Caselas (18 de abril); Salvaterra de Miño (24 de abril); e finalizando con Ponteareas (25 de abril)

O debate inagural contou coa participación de Marisa Domínguez, candidata do Partido Popular en Mondariz-Balneario; e César Gil Fernández, candidato do BNG. Excusaron a asistencia os outros dous candidatos, Xosé Antonio Álvarez (Saidoiro) e o independente Santiago Castro Deza, quen oficializará en breve a súa candidatura.

Domínguez e Gil Fernández ofreceron unha panorámica dos seus respectivos programas electorais, tocando igualmente temas de interese para este municipio como a EDAR, a rehabilitación da Fonte de Troncoso e o Hotel Roma, a situación do transporte de camións de Augas de Mondariz, entre outros.

A candidata do PP de Mondariz-Balneario enfocou as súas propostas en proxectos ecolóxicos e saudables, así como na promoción do turismo e a atracción de investimentos e de proxectos de emprendemento para crear emprego, tales como o coworking no Centro de Saúde, a peonización en diversas rúas adxacentes ao Balneario, infraestruturas deportivas (pistas de pádel) e a creación da Casa do Maior. Amosou igualmente a boa saúde económica deste Concello nos que o PP ven gobernando dende fai catro décadas.

Pola súa banda, o candidato do BNG centrouse na necesidade de recuperar a vida social e a convivencia a través de iniciativas culturais, de lecer e de creación de espazos de encontro para a veciñanza de tódalas idades. Tamén mencionou a importancia da creación de vivendas para fomentar a atracción de poboación nun municipio de 800 habitantes así coo o Plan de Rexeneración do Monte, con iniciativas de turismo verde e de empoderamento dos veciños. Criticou tamén os proxectos de privatización do Servizo de Atención ao Fogar (SAF).

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.