Galicia enfronta este verán unha das súas efemérides máis dolorosas. Este luns, 17-A, foron aló noventa anos do asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira pontevedresa, data instaurada como o Día da Galiza Mártir para lembrar cantas persoas foron sacrificadas pola barbarie fascista no 1936. Xunto ao motor do Partido Galeguista, o rodete da represión esnaquizou nese fatídico verán a toda unha xeración que concibía unha Galicia moderna e dona do seu destino: o alcalde compostelán Ánxel Casal, o intelectual e artista Camilo Díaz Baliño, o futbolista do Dépor Bebel García, o líder obreiro sadense Xoán Antón Suárez Picallo ou o deputado e empresario Pepe Miñones, entre tantas outras mulleres e homes.
Cómpre restaurarmos a verdade histórica diante da cidadanía galega ao abeiro dunha premisa indubidábel: en Galicia nunca houbo guerra civil nin crime republicano ningún. O que aquí se executou dende o 20 de xullo de 1936 foi unha limpeza política sistematicamente planificada e unidireccional por parte dos militares sublevados e elementos falanxistas e de extrema dereita. Non existiron dous bandos combatentes enfrontados; existiu un exército rebelde que asasinou unha vangarda civil e democrática que defendía a legalidade constitucional e o Estatuto de Autonomía aprobado semanas antes, o 28 de xuño. Por mor dunha perversa «xustiza ao revés», as vítimas foron acusadas de rebelión militar ou auxilio á rebelión por consellos de guerra sumarísimos sen ningunha garantía procesual. Máis persoas morreron aínda por asasinatos extraxudiciais tamén rigorosamente planificados dende os cuarteis militares, da Falanxe e da Garda Civil, como foron os casos de Bebel García, X. A. Suárez Picallo, Díaz Baliño e o alcalde Casal.
A recente Lei de Memoria Democrática declarou a nulidade radical de pleno dereito de todas aquelas farsas xudiciais, como as que alicerzaron o asasinato legal de Alexandre Bóveda e Pepe Miñones. Porén, o Estado español mantén unha débeda inaceptábel. Noventa anos despois, non existiu nunca unha reparación económica nin unha reversión dos despoxos patrimoniais sufridos polos galeguistas e, en xeral, polas persoas leais á República ao abeiro da Lei de Responsabilidades Políticas promulgada polo réxime de feito franquista, con carácter retroactivo, en febreiro de 1939. Cando non, como no caso de Miñones, polas sancións económicas impostas con anterioridade nas propias sentenzas condenatorias. Porque o franquismo non só eliminou fisicamente aos líderes do País, senón que executou un espolio financeiro programado para enriquecer persoas adictas ao réxime e condenar á miseria e ao silencio ás familias das vítimas.
“O caso de Pepe Miñones é verdadeiramente paradigmático. A sentenza que o condenou impúxolle unha multa dun millón de pesetas da época (…) que alicerzou o embargo de todo o seu imperio industrial”
O caso de Pepe Miñones é verdadeiramente paradigmático. A sentenza que o condenou impúxolle unha multa dun millón de pesetas da época (2,6M€ actualizada hoxe, malia que o seu valor adquisitivo sería moi superior; pensemos que un mestre gañaba daquela 3000 pts/ano) que alicerzou o embargo de todo o seu imperio industrial, incluída a Electra Popular Coruñesa, transferida despois a moi baixo prezo a Pedro Barrié de la Maza, que axiña fundaría FENOSA fusionándoa coa Fábrica de Gas y Electricidad que xa posuía. Do mesmo xeito, os talleres da editorial Nós de Ánxel Casal foron incautados. Milleiros de familias foron forzadas á miseria ou pobreza severa, ao exilio exterior e interior.
A xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) amparou historicamente o dereito de propiedade e a restitución de bens espoliados polos réximes totalitarios europeos aplicando o Protocolo número 1 do Convenio Europeo de Dereitos Fundamentais (Protocolo Europeo), que, porén, non rexe para despoxos anteriores á súa promulgación, senón en canto o Dereito interno recoñecese ese dereito, logo de vixente o devandito Convenio Europeo. A vixente Lei de memoria democrática recoñece o dereito de resarcimento dos bens incautados por sancións económicas impostas por motivos políticos, ideolóxicos ou de conciencia durante a ditadura franquista ou durante a guerra, mais só nos termos que se desenvolvan normativamente. Esta previsión tan indeterminada porén, activou a protección do Protocolo Europeo, que agora si que poderá avaliar se a normativa española e os seus concretos actos de aplicación enchen os esixentes requisitos de reparación integral sinalados na xurisprudencia do TEDH que aplica o devandito Protocolo.
A restauración da memoria democrática non ficará completa mentres o Estado español non asuma a devolución dos patrimonios despoxados polo réxime franquista.





