Marisol Borrajo, candidata do PP á Alcaldía da Teixeira

Miguel Cid Álvarez renuncia logo de 35 anos de servizo público

A Teixeira | O presidente provincial do PPdeOU, Manuel Baltar Blanco, mantivo un encontro con Marisol Borrajo, candidata popular na Teixeira nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio trala renuncia, por motivos persoais, de Miguel Antonio Cid.

Manuel Baltar agradeceu a “valía e a traxectoria política” de Miguel Antonio Cid: “El é un verdadeiro servidor público, na política e na mediciña, e que presenta cunha inmellorable folla de servizos nestes 35 anos traballando pola Teixeira de concelleiro, tenente alcalde, alcalde e tamén deputado provincial”.

O presidente do PPdeOU pon en valor “a traxectoria pública dun home comprometido coa Teixeira e coa provincia de Ourense, cun alto valor do que é a política, a cooperación e a lealdade institucional”.

Neste sentido, Manuel Baltar define a Marisol Borrajo como a “candidata ideal para seguir construíndo o futuro” da Teixeira a través de “políticas públicas de dinamización do territorio”. “Marisol Borrajo, remarca o líder do PPdeOU, “coñece o seu concello e as demandas dos veciños, ten experiencia na vida municipal e, sobre todo, é unha referente de emprendemento e paixón polo rural”.

Pola súa banda, Marisol Borrajo reivindica o “estupendo traballo” de Miguel Antonio Cid. E destaca a súa capacidade “para liderar a partir do 28 de maio un proxecto que, entre todos, siga avanzando en todos os fitos conseguidos e permita implementar novas iniciativas de progreso”.

A nova candidata popular nas vindeiras eleccións municipais remarca que “vivo, traballo e vexo o meu futuro na Teixeira”. Entre todos, explica Marisol Borrajo, “escribiremos A Teixeira en maiúsculas, para que as novas xeracións que veñan síntanse tan orgullosos do noso concello como eu me sinto”. Marisol Borrajo Lorenzo ten 53 anos e leva 33 vencellada ao Concello da Teixeira. É licenciada en Administración e Dirección de Empresas e traballa no sector vitivinícola en Adega Vella, adega da Teixeira pertencente á subzona Ribeiras do Sil na Ribeira Sacra.