Manuel Baltar non será presidente da Deputación de Ourense

Anunciou que traballará para que Feijóo sexa presidente de España

Ourense | “Ante a inminente constitución das corporacións locais da provincia de Ourense, e como presidente do partido político que gañou as eleccións a nivel provincial, traballo para conformar gobernos populares solventes ao longo de todo o territorio” di Xosé Manuel Baltar nun comunicado de prensa.

“Neste sentido, tamén traballo para facilitar que a Deputación provincial teña un presidente ou presidenta do Partido Popular, a única formación política que concorreu ás eleccións do 28 de maio cun proxecto provincial a desenvolver para seguir impulsando Ourense”.

“Non hai interese maior que o interese xeral da provincia. Por iso, a configuración das corporacións locais non é unha cuestión de nomes senón de siglas e de proxectos. A política é responsabilidade e é estabilidade” sostén o actual presidente da Deputación en funcións. Baltar remata dicindo no comunicado de prensa que: “Descarto formar parte da próxima corporación provincial. Non tomarei posesión da miña acta como concelleiro de Esgos. Este paso non diminúe, en absoluto, o meu compromiso por Ourense.

Como presidente provincial do PPdeOU seguirei loitando coma sempre polo futuro desta provincia, co inminente reto de contribuír á chegada do ourensán Alberto Núñez Feijóo á Presidencia de España”.

PSdeG: renuncia de Baltar é froito dunha “labor de minuciosa fiscalización e prolixa denuncia”
O PSdeG-PSOE destaca que a renuncia de Manuel Baltar a ser candidato á presidencia da Deputación para o mandato 2023-2027, é froito dunha “labor de minuciosa fiscalización e prolixa denuncia” da “grave e extensa trama corrupta que o Partido Popular de Ourense mantén na provincia”, un traballo coral realizado “minuciosamente” como formación líder da oposición durante os últimos catro anos e tamén polos grupos socialistas das corporacións anteriores.

Sen embargo, para os e as socialistas esta renuncia non é dabondo. “Non nos conformamos con esta dimisión, xa que Manuel Baltar é a punta do iceberg dunha gran trama política dese partido que ocupa a provincia desde hai tres décadas e que debe ser retirada do poder de inmediato”, afirman antes de destacar que “a permanencia de Baltar na presidencia do PP permitiríalle seguir a manexar os fíos da Deputación e doutras entidades locais desde as sombras”, unha situación que cualifican de “perversa” e “indesexable”.

Para o PSdeG-PSOE a decisión anunciada hoxe “únicamente é unha retirada a medias” que “de non ser completa, o que implica a saída do Partido Popular da Presidencia da institución, non permitiría devolver a democracia plena á provincia”. Os e as socialistas aseveran que “non van admitir cambios de cromos” no que definen como un “intento á desesperada do PP de Ourense e do “baltarismo” para manter a Deputación e parte do seu poder territorial dentro das evidentes trifulcas internas dos populares”.

Desde o PSdeG-PSOE rematan reclamando a Baltar que, unha vez comunicada públicamente a súa marcha, seguramente cara algún posto de consolación, se absteña de realizar calquera cambio de calado, adxudicación, licitación ou concesión de diñeiro público nas semanas que restan, ata a constitución da próxima corporación da Deputación.

“Esta mesma semana o goberno de Baltar adxudicou a dedo aos seus amigos, amigas e afíns do PP de Ourense uns 700.000 euros, “baltaristas” aos que pretende deixar ao mando da Deputación para que, en realidade, nada cambie”, advirten antes de sinalar que “todas as decisións adoptadas polo presidente saínte e polo PP na institución provincial están baixo sospeita e deben ser auditadas canto antes”, conclúen.