Malestar polo adianto do tradicional mercado ambulante do Corpus

O colectivo de vendedores ambulantes presentou unha queixa ante o Concello de Ponteareas

Ponteareas | Por primeira vez, o tradicional mercadillo semanal en Ponteareas pasará do sábado 6 de xuño a un día antes, o venres 5 de xuño, segundo informou o tenente de Alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, para “facilitar o desenvolvemento das actividades previstas con motivo das Festas do Corpus”.

Esta decisión causou malestar no colectivo de vendedores ambulantes que, en boca da súa representante Alexandra Malvido, presentou unha queixa formal ante o rexistro do Concello expresando o seu desacordo debido a que a decisión foi “unilateral” así como o seu impacto económico é “inasumible” xa que o día do Corpus supón unha maior rendabilidade para as súas actividades. Lembraron que a solución pasa por adiantar a hora de recollida dos seus postos prevista para ese 6 de xuño.

BNG reclama manter o mercado o sábado de Corpus
A líder do BNG de Ponteareas, Cristina Fernández, acusou ao goberno local de “xogar co sustento das familias” solicitando a retirada do decreto que modifica a data do mercado semanal previsto para o sábado 6 de xuño. Fernández Davila criticou que a decisión fose adoptada “de maneira unilateral e sen falar previamente coas persoas comerciantes afectadas”, que coñeceron o cambio a través das comunicacións remitidas polo tenente de alcaldesa na mañá do sábado seguinte á sinatura do decreto.

Para o BNG, a medida evidencia “unha preocupante falta de planificación e de respecto por un sector que depende directamente da actividade do mercado para garantir o seu sustento”. Fernández Davila considera “inaceptable” que o goberno local “pretenda facer pagar ás familias comerciantes as consecuencias da súa incapacidade para organizar adecuadamente as festas e a actividade ordinaria da vila”.

Cristina Fernández sinala que “é perfectamente compatible celebrar o mercado semanal e desenvolver os preparativos do Corpus, sempre que exista vontade política e capacidade organizativa”. Neste sentido, a solicitude presentada polo BNG propón manter o mercado o sábado 6 de xuño, adiantando a hora de recollida para facilitar a convivencia entre ambas actividades, unha proposta que sería aceptada polas persoas afectadas, segundo lle trasladaron ao BNG.

“O comercio ambulante forma parte da vida económica e social de Ponteareas e merece respecto, diálogo e solucións, non estas imposicións e este maltrato do goberno de Nava Castro e a dereita”, afirma Cristina Fernández. O BNG solicita así a anulación deste decreto e insta ao goberno municipal a abrir canles de diálogo coas persoas afectadas antes de adoptar decisións que condicionan o seu traballo e os seus ingresos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.